Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

Proxectos de formación para o profesorado de FP 2019/2020

Ven, 04/10/2019 - 12:05

Publicada a convocatoria de proxectos de formación do profesorado de formación profesional que se van implantar no curso 2019 – 2020 en centros públicos dependentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

Advertido erro na convocatoria publicada no anterior aviso, cómpre realizar a seguinte corrección:

No apartado 5, onde di: “Os proxectos de formación terán unha duración mínima de oito horas”, debe dicir: “Os proxectos de formación terán unha duración mínima de vinte horas”.

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, como responsable da planificación da formación do profesorado, convoca proxectos de formación específicos para o profesorado que imparte docencia nas ensinanzas de formación profesional en centros públicos para o curso 2019-2020.

  • Que son? 

Esta modalidade de formación desenvólvese nos propios centros educativos, favorece e estimula o traballo en equipo do profesorado e propicia a innovación, a mellora da práctica docente e a actualización científico-técnica, de modo que incida na mellora da educación.

  • Convocatoria

Convócanse proxectos de formación do profesorado de formación profe­sional, nos centros educativos de niveis non universitarios que impartan estas ensinanzas.

Cada proxecto deberá contar cun coordinador ou cunha coordinadora e poderá incorporar profesorado de diferentes centros que compartan a súa necesidade de formación, coa finalidade de acadar o óptimo aproveitamento dos recursos.

  • Destinatarios

Poderá participar nesta convocatoria o profesorado que teña atribución docente nas ensinanzas de formación profesional, ou que exerza a xefatura dos departamentos de Orientación ou de Información e Orientación Profesional, e que estea destinado nalgún centro público dependente da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional ou noutros pero que forme parte do cadro de persoal desta consellería.

  • Obxectivos
    • Dar resposta ás necesidades de formación do profesorado de formación profesional, e facilitarlle ao resto do profesorado o acceso á información obtida mediante a elaboración e a difusión de actividades de aplicación directa a aula.

    • Fomentar a súa formación nas competencias profesionais para abordar con eficacia todas as situacións do proceso de ensino e aprendizaxe, e no desenvolvemento das funcións que o profesorado debe desempeñar nunha sociedade complexa e en permanente cambio.

    • Potenciar a relación entre o profesorado de formación profesional e as empresas para, deste xeito, ofrecerlle unha mellor orientación ao alumnado de formación profesional.

    • Establecer liñas de traballo e de toma de decisións para a mellora consensuada da educación do alumnado e do funcionamento dos centros, así como para a posta en práctica e a avaliación de accións que repercutan na mellora da calidade dos procesos curriculares e organizativos.

    • Promover a formación e a actualización metodolóxica e científico-tecnolóxica dos equipos docentes a través do traballo colaborativo e do fomento da súa autonomía, partindo da experiencia e da capacidade do profesorado.

 

  • Liñas de traballo
  1. Innovación tecnolóxica e científica
  2. Innovación didáctica
  3. Deseño e desenvolvemento curricular no marco do modelo competencial
  4. Orientación profesional, xestión do talento e emprendemento
  5. Plurilingüismo na formación profesional
  6. Atención á diversidade, convivencia, equidade e igualdade de xénero nas ensinanzas de FP
  7. Organización e xestión.
  8. Actualización científica e didáctica do profesorado de formación profesional.