A Xunta de Galicia concede 46 axudas de apoio á etapa posdoutoral no Sistema Universitario de Galicia e noutras entidades

O importe total adxudicado ascende a 5.729.000 euros
Ven, 04/10/2019 - 10:30

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se adxudican as axudas da modalidade A de apoio á etapa de formación posdoutoral nas universidades do SUG, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema de I+D+i galego deste ano 2019. As axudas son concedidas pola Consellería de Educación e pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Son 46 axudas cun orzamento total de 5.729.000 euros, cun importe máximo de 49.900 euros anuais cada unha delas, con contías variables en función do destino dos dous primeiros anos de estadía. Ademais, as axudas destinadas ás persoas investigadoras que obteñan a condición de bolseiras Fulbright terán unha dotación complementaria de 5.000 euros en cada ano de estadía. Acadaron esta condición dúas persoas investigadoras da Universidade de Santiago de Compostela que van desenvolver os dous anos de estadía nos Estados Unidos, en concreto Xabier García Feal e Gonzalo Pérez de Lis Castro.

No referido ás universidades, ao abeiro da resolución publicada hoxe reciben un total de 40 axudas (26 para persoas investigadoras na Universidade de Santiago de Compostela, 13 na Universidade de Vigo e 1 na Universidade da Coruña), por importe total de 4.967.520 euros. No caso das demais entidades, outórganse 3 axudas para persoas investigadoras no Instituto de Ciencias de Patrimonio (INCIPIT) do CSIC, unha para o Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, unha para a Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela e outra para a Fundación Profesor Novoa Santos. O importe total neste caso ascende a 761.480 euros.

Cómpre sinalar que esta convocatoria quere contribuír a reducir o desequilibrio entre mulleres e homes dedicados á investigación na formación posdoutoral no Sistema de I+D+i galego, polo que á hora de conceder as axudas tívose en consideración o peso relativo das mulleres nas propostas presentadas, de maneira que se potencie o seu número e a calidade do seu traballo. Deste xeito, das 46 axudas concedidas 25 son para mulleres.

Obxecto

O obxecto do Programa de apoio á etapa posdoutoral é outorgarlles axudas ás universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG), aos organismos públicos de investigación de Galicia, ás fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur), e aos centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) e ao IEO (Instituto Español de Oceanografía) radicados en Galicia que contraten persoas tituladas superiores para a súa formación como doutores e doutoras nos seus centros.

As axudas convócanse en dúas modalidades diferentes, todas elas enmarcadas no Plan de Financiamento Universitario de Galicia 2016/20. Neste caso, a modalidade A consiste nun contrato de dous anos de duración para a realización de estadías no estranxeiro e un contrato de retorno dun ano en Galicia. Ademais, as solicitudes que propoñan persoas candidatas de nacionalidade española que presenten un plan de estadías de dous anos en Estados Unidos optarán a contar co apoio da Comisión Fulbright e ter a condición de bolseiras Fulbright.

O importe das axudas nesta modalidade destinarase a pagamento dos contratos, custos sociais e complementos a cada entidade beneficiaria por persoa contratada. Ademais, unha dotación complementaria para aquelas solicitudes correspondentes a persoas investigadoras que consigan a condición de bolseiros Fulbright durante os dous anos de estadía nos EEUU.