A conselleira de Educación coñece o programa de plurilingüismo do CEIP Calvo Sotelo (O Carballiño)

Mar, 01/10/2019 - 11:46

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou esta mañá os tres edificios que compoñen o CEIP Plurilingüe Calvo Sotelo (o edificio principal e máis os coñecidos como Calvo Sotelo e Campo da Feira), no Carballiño, onde se interesou polo funcionamento no centro do modelo plurilingüe neste colexio, que é centro plurilingüe desde 2010 e conta con Estrela PlurInfantil desde o 2017. Así mesmo, dada a recente convocatoria do plan Proxecta, animou a comunidade educativa a volverse implicar neste iniciativa, da que o curso pasado desenvolveu o programa Mobilidade sostible e segura.

O Diario Oficial de Galicia vén, así mesmo, de publicar a renovación da axuda a este CEIP vinculada á súa participación no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE). Neste sentido a conselleira destacou tamén que o centro desenvolve o programa Biblioteca Creativa, que ten como obxectivo estimular a iniciación do alumnado de infantil e primaria no campo da robótica e na linguaxe da programación a través do traballo con robots construídos sobre Arduino, os Escornabots.