A Consellería de Educación inviste este ano preto de 1 millón de euros en melloras en centros educativos de Verín

Carmen Pomar visitou hoxe o CEIP Princesa de España e o IES García Barbón
As actuacións teñen como obxectivo a rehabilitación integral e a instalación dun sistema de calefacción por biomasa
Mér, 18/09/2019 - 12:38

A consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou esta mañá o CEIP Princesa de España e o IES García Barbón, ambos en Verín, nos que este ano o seu departamento inviste preto de 1 millón de euros. Na súa visita estivo acompañada pola delegada da Xunta na provincia, Marisol Díaz Mouteira.

A titular do departamento educativo da Xunta de Galicia comprobou o avance da rehabilitación integral do CEIP Princesa de España, que contou cun orzamento de 760.847 euros. A actuación consiste no illamento da fachada do edificio principal e na substitución da cuberta dos dous edificios por unha nova de paneis sándwich de chapa de aceiro galvanizado lacado con espuma de poliuretano. Así mesmo, contempla a colocación de illamento térmico na cara superior do forxado do baixo cuberta no edificio principal e sobre o falso teito da última planta no edifico do comedor, así como sobre o falso teito dos porches e patios exteriores dos dous edificios.

Entre as actuacións dirixidas a mellorar a eficiencia enerxética, mudáronse as fiestras, colocáronse novas  persianas de lamas de aluminio inxectadas con espuma de poliuretano en ambos edificios e a instaláronse novas luminarias con equipos de regulación lumínica e detectores de presenza en corredores e aseos. Todas estas medidas combinadas suporán un aforro do 22,0 % no consumo de enerxía primaria non renovable e do 35,50 % en emisións de CO2.

A obra inclúe tamén o pintado das fachadas do edificio principal e do comedor, a reparación e pintado dos paramentos interiores, o esmaltado das carpinterías interiores e dos radiadores do centro, a colocación de pavimento vinílico en aulas infantís, a reforma dos aseos do edificio principal e o pulido do pavimento de terrazo, entre outras melloras.

As obras no interior do centro están rematadas, continuarán no exterior en substitución de partes de cuberta e inxección de cámaras durante un par de semanas cun Plan de Seguridade e Saúde adaptado a estas circunstancias.

O CEIP Princesa de España está integrado no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares e desenvolveu o pasado curso os contratos-programa nas liñas de Reforzo, orientación e apoio (PROA); de Mellora da convivencia e promoción da igualdade nos centros, que inclúe todas aquelas accións que repercutan e interveñan na mellora do clima escolar e das relacións entre os membros da comunidade educativa; e de Mellora do nivel de coñecementos do alumnado para acadar a excelencia.

Así mesmo, participou o Plan Proxecta a través dos programas Aliméntate ben e Donas de si, no programa de seccións bilingües, e desenvolve un programa de Titoría entre Iguais. Ademais, forma parte da rede de centros Educación Responsable: programa para o desenvolvemento da educación emocional, social e da creatividade, unha iniciativa que a Consellería realiza en colaboración coa Fundación Botín.

Biomasa

A conselleira aproveitou tamén para visitar o IES García Barbón, onde o seu departamento vai instalar a biomasa, unha obra que conta cun orzamento de 195.181,35 euros. A actuación ten como obxectivo a reforma da instalación de calefacción do instituto, co fin de complementar o sistema de xeración de calor actual, que emprega gasóleo, con caldeiras que empregarán biomasa. Nestes momento está suspendida a execución pendente da aprobación dun modificado que permita o dimensionamento da infraestrutura como un district heating para dar servizo aos 3 centros educativos próximos.

O novo deseño da instalación manterá dous dos xeradores de calor actual pero dando prioridade ao funcionamento das novas caldeiras de biomasa. Para iso a actuación contempla a eliminación dunha das caldeiras de gasóleo, mantendo as outras dúas, e a instalación de 4 caldeiras de biomasa de alta eficiencia con silo de alimentación de biocombustible, cunha potencia total de 224 kW. O silo de almacenamento de pellet será unha estrutura transportable cunha capacidade aproximada de 20.000 quilogramos.

Para dar servizo á nova sala de caldeiras o proxecto inclúe a instalación de 2 depósitos de inercia de 5.000 litros cada un e un terceiro depósito que servirá como desacoplador hidráulico e punto de unión entre as novas caldeiras de biomasa e a existente de gasóleo.

Asemade, realizaranse os cambios necesarios nas conducións de fluídos e nos equipos de bombeo. Non haberá cambios na instalación térmica existente fóra da sala de caldeiras.

A nova sala de caldeiras estará dotada dun sistema de xestión e control autónomo conectado mediante o software axeitado a un PC de xestión técnica do edifico que permita xestionar a instalación de forma remota.