A Consellería de Educación investiu preto de 590.000 euros na rehabilitación enerxética do CPI Ramón Piñeiro (Láncara)

Carmen Pomar comprobou hoxe o resultado das obras

Os traballos redundarán nun maior confort para a comunidade educativa

Mar, 17/09/2019 - 15:21
A Consellería de Educación investiu preto de 590.000 euros na rehabilitación enerxética do CPI Ramón Piñeiro (Láncara)

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou esta mañá o CPI Ramón Piñeiro, na localidade lucense de Láncara, un centro que acaba de ver as súas instalacións renovadas grazas á obra de rehabilitación enerxética que vén de executar a Xunta de Galicia nas mesmas.

Cun importe de execución de 587.875,80 euros, o obxectivo da intervención foi mellorar o confort térmico do centro, ao tempo que se favorece o aforro de enerxía. Para iso, acometeuse a substitución de fiestras por unhas novas de dobre vidro con rotura de ponte térmica, así como as caixas das persianas. Así mesmo mudáronse as luminarias por equipos LED, con regulación lumínica e detectores de presenza nas zonas comúns. Co fin de solucionar os problemas de illamento térmico tamén se actuou sobre a fachada, aplicando o sistema SATE, así como no forxado de baixo cuberta.

A actuación incluíu, asemade, a redistribución dalgúns espazos dentro do centro (como a ampliación da sala de profesores, o traslado da biblioteca ou a creación dunha sala multimedia). Tamén se repararon e pintaron os paramentos interiores e renováronse as placas de falso teito deterioradas. Por outra banda, instalouse un porche na zona do comedor.

O CPI Ramón Piñeiro é un centro moi activo do rural lucense. De feito, desenvolve diferentes iniciativas impulsadas pola Consellería, como é o caso dos contratos-programa. No curso 2018/19 este colexio desenvolveu a súa primeira liña, a de Reforzo, orientación e apoio (PROA), que busca mellorar as perspectivas escolares do alumnado con dificultades, a través do traballo ou apoio organizado para a adquisición das destrezas básicas que lle faciliten a incorporación plena ao ritmo de traballo ordinario e ás esixencias das diferentes áreas e materias.

O centro participou ademais o curso pasado no Plan Proxecta a través das iniciativas Centros Activos e Saudables, MeteoEscolas e Quérote+; así como no programa de seccións bilingües.