A Consellería de Educación incorporará unha vintena de orientadores ao sistema educativo galego

Carmen Pomar inaugurou o curso no IES Plurilingüe Eusebio da Guarda da Coruña
A conselleira explicou que se destinarán aos centros con maior número de alumnado de Galicia
Lun, 16/09/2019 - 14:03

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, incorporará un segundo orientador nos vinte centros educativos con maior número de alumnado en Galicia. Anunciouno esta mañá a conselleira, Carmen Pomar, na inauguración do curso de Secundaria no IES Plurilingüe Eusebio da Guarda, un centro que se beneficiará desta medida. Na visita estivo acompañada polo equipo directivo da Consellería, polo delegado da Xunta na provincia, Ovidio Rodeiro; e polo representante da Alta Inspección do Estado, Manuel Regueiro.

Durante a súa intervención a conselleira salientou que esta iniciativa se enmarca no compromiso do seu departamento coa orientación, “que é inherente á propia educación, xa que contribúe á formación integral do alumnado, con independencia das súas capacidades ou necesidades”. Neste sentido lembrou que, ligado a esta liña prioritaria de actuación, se creou recentemente o Servizo de Inclusión e Orientación Educativa na Consellería.

Carmen Pomar  recordou tamén que a Consellería está a piques de lanzar unha normativa específica para o recoñecemento e regulación dos centros históricos de Galicia, “que suporá a posta en valor e salvagarda dun patrimonio educativo que é noso”. “O IES Plurilingüe Eusebio da Guarda –dixo–forma parte da Rede de Institutos Históricos de Galicia e, como tal, é unha peza do Patrimonio Histórico Educativo da nosa comunidade. Constitúe, pois, unha ferramenta formativa que permite tanto o coñecemento da nosa propia historia, como a interpretación da diversidade cultural do noso mundo”.

Rehabilitación integral

A conselleira quixo agradecer a colaboración da comunidade educativa deste centro no contexto das obras de rehabilitación integral que o seu departamento está a executar neste instituto de referencia, que forma parte da vida educativa desta cidade desde o ano 1889. Os traballos, que conta cun orzamento de 1.312.426,50 euros, teñen por obxecto resolver as patoloxías que as instalacións deste instituto foron acumulando a través da súa longa traxectoria en funcionamento, de máis de 150 anos. Así mesmo, búscase mellorar o  confort térmico interior e a eficiencia enerxética do edificio.

O proxecto de rehabilitación contempla actuacións sobre as fachadas, as cubertas, e as carpinterías exteriores, así como sobre a pintura interior, os falsos teitos e as luminarias. No caso das fachadas, no edificio histórico sanearase e renovarase completamente o revestimento existente sobre os muros de pedra e, nas zonas onde a pedra queda á vista, procederase a limpala e saneala para eliminar a sucidade orgánica e inorgánica que acumula. Ademais, aplicarase un tratamento consolidante natural para evitar a disgregación da parte superficial do material. No edificio moderno realizarase unha limpeza xeral dos paramentos existentes para, a continuación, actuar en función das necesidades de cada parte, aplicando illamento térmico ou un revestimento acrílico.

No referido ás cubertas, reporanse as partes danadas das cubertas e dos canlóns para garantir a estanqueidade da cuberta e renovaranse as baixantes por unhas novas de zinc. A

falta de estanqueidade e illamento solucionouse tamén mellorando as carpinterías, ben mediante a súa restauración, ben a través da súa substitución por unhas novas, en función do estado de conservación das fiestras actuais.

Ademais, no interior mudáronse os falsos teitos das aulas de Bacharelato e instaláronse nas de ESO. Así mesmo, pintáronse os paramentos interiores dos edificios, as varandas, radiadores e tubaxes; e renovouse a instalación de iluminación de todo o centro, colocando luminarias LED de menor consumo.

Inicio de curso sen incidencias

Ao longo da mañá de hoxe iniciaron o curso sen incidencias un total de 148.144 estudantes na educación secundaria obrigatoria (ESO), bacharelato, e ensinanzas de réxime especial (ensinanzas para adultos, artísticas e deportivas), segundo os datos provisionais recompilados polos servizos estatísticos da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Deles, máis de 60.600 fano en centros da provincia da Coruña. Na cidade herculina volven hoxe ás aulas 9.015 estudantes de ESO e 3.462 de Bacharelato.