Carmen Pomar visita as obras de rehabilitación integral do CEIP do Hío, en Cangas, nas que Educación inviste máis de 800.000 euros

A conselleira especificou que os traballos vanse levar a cabo con todas as medidas de seguridade e non van interferir na actividade escolar
Mér, 04/09/2019 - 16:10

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, achegouse esta mañá ao CEIP do Hío, en Cangas, para comprobar in situ o desenvolvemento dos traballos de rehabilitación integral (enerxética e funcional) que o seu departamento está levando a cabo neste centro, e que supoñen un investimento de 810.000 euros.

Neste CEIP as actuacións abranguen o illamento de fachadas, a colocación dun panel sándwich na cuberta do ximnasio, a instalación de novas ventás de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo, así como luminarias de alta eficiencia enerxética, con equipos de regulación lumínica e detectores de presenza. A combinación destas actuacións levarán consigo un aforro do 42,40 % no consumo de enerxía primaria non renovable e do 45,90 % en emisións de CO2.

Neste caso a rehabilitación integral inclúe tamén a instalación dun aerotermo no ximnasio, a renovación das persianas e das caixas das mesmas, a colocación de falso teito acústico nas aulas, a substitución da carpintería interior, o pintado de paramentos interiores e portas e o pulido do pavimento de terrazo.

Canto ao desenvolvemento da obra, Carmen Pomar subliñou que os traballos do interior das aulas -a excepción da planta -2 que non se usará- estarán rematados no inicio do curso, polo que as clases poderán desenvolverse con normalidade desde o próximo mércores, xa que os traballos pendentes son compatibles coa actividade docente.

Deste xeito, tralo inicio do curso, tan so quedarían pendentes as actuacións desa planta -2,  na que se seguirá traballando sen interferir sobre o desenvolvemento das clases; así como nos traballos de exterior, todas elas con todas as medidas de seguridade establecidas no Plan de Seguridade e Saúde.