A Consellería de Educación inviste máis de 1,4 millóns de euros na rehabilitación integral do CEIP Fogar (Carballo)

Carmen Pomar comprobou hoxe o avance das obras

A actuación forma parte do Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas da Xunta de Galicia

Mar, 03/09/2019 - 13:10
A Consellería de Educación inviste máis de 1,4 millóns de euros na rehabilitación integral do CEIP Fogar (Carballo)

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, comprobou hoxe o avance das obras de rehabilitación integral do CEIP Fogar (Carballo) unha actuación na que o seu departamento inviste 1.430.197,64 euros.

A rehabilitación integral do CEIP Fogar vaille permitir ao centro un aforro do 52,80% no consumo de enerxía primaria non renovable e do 62,60% en emisións de CO2. Para conseguilo colocarase un sistema illante de envolvente continua polo exterior da fachada mediante sistema SATE, mudaranse as fiestras para instalar unhas novas de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo, renovaranse as persianas e substituiranse as luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética, con equipos de regulación lumínica e detectores de presenza.

Así mesmo, substituirase o material actual de cubrición por panel sándwich nervados de chapa prelacada de aceiro e colocarase illamento térmico na cara superior do forxado do baixo cuberta.

As actuacións contempladas inclúen, así mesmo, o esmaltado das carpinterías interiores e radiadores do centro, o pulido do pavimento de terrazo, a reparación e pintado de paramentos interiores consonte ao Estudo cromático para Centros de Educación Infantil e Primaria da Consellería e a colocación de novo falso teito acústico en varias estancias (aulas e comedor).

Esta obra forma parte do Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas da Xunta de Galicia e é posible grazas ao anticipo de tesourería aprobado no Consello da Xunta para axilizar a licitación das obras con cargo ao superávit de 2018.