Un total de 18 centros de ensino públicos participarán a partir do vindeiro curso no programa Educación Responsable

O obxectivo da iniciativa, que se realiza en colaboración coa Fundación Botín, é promover a educación emocional
No ano académico 19/20 participarán neste programa un total de 52 centros de toda Galicia
Ven, 23/08/2019 - 10:34

Un total de 18 centros de educación infantil e primaria, secundaria e educación especial de toda Galicia desenvolverán a partir do vindeiro curso a iniciativa Educación Responsable: programa para o desenvolvemento da educación emocional, social e da creatividade, que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional realiza en colaboración coa Fundación Botín. Trátase dunha proposta para tres cursos, co fin de que os centros e os seus docentes desenvolvan o programa formando parte da rede de Centros de Educación Responsable da Comunidade Autónoma Galega, recibindo formación, recursos educativos e seguimento por parte tanto da Consellería como da Fundación.

O obxectivo é promover o desenvolvemento saudable do alumnado, a partir do traballo co profesorado, co alumnado e coas familias, favorecendo a educación emocional, social e creativa para acadar un maior benestar persoal, social e académico. Así mesmo a iniciativa contribúe á mellora do clima de convivencia no centro docente e ao éxito escolar do seu alumnado. No ano académico 19/20 participarán neste programa un total de 52 centros de toda Galicia.

Os 18 centros que se unirán ao programa no curso 2019/20 son os seguintes:

Provincia da Coruña

Provincia de Lugo

Provincia de Ourense

Provincia de Pontevedra

  • CEIP Pío XII (Santiago de Compostela)
  • CEIP Ponte dos Brozos (Arteixo)
  • CEIP Alborada (A Coruña)
  • CEE Nosa Señora do Rosario (A Coruña)
  • CPI Alcalde Xosé Pichel (Coristanco)
  • CEIP Plurilingüe Virxe do Mar (Narón)
  • CEIP Plurilingüe San Xosé de Filgueira (Ferrol)
  • CEIP Rosalía de Castro (Lugo)
  • CEIP Lagostelle (Guitiriz)
  • CEIP Virxe de Covadonga (Ourense)
  • IES de Montecelo (Pontevedra)
  • IES de Barro (Barro)
  • CEIP Nosa Señora das Dores (Forcarei)
  • CEIP Viñagrande Deiro (Vilanova de Arousa)
  • CEIP Plurilingüe Manuel Sieiro (Crecente)
  • CEIP de Reboreda (Redondela)
  • CEIP Santa Mariña (Vigo)
  • IES de Mos (Mos)

Educación Responsable desenvolverase nos centros educativos ao longo de tres cursos escolares. O obxectivo do primeiro curso de implantación é que o Equipo de Educación Responsable de cada centro participante coñeza as ferramentas didácticas propias da educación emocional e social, así como a súa aplicación na aula.

Na segunda fase de expansión que se desenvolverá no ano académico 2020/21, o centro participante asumirá este programa como unha liña prioritaria no marco do seu Proxecto educativo. Con este obxectivo,  os responsables de recursos de Educación Responsable forman ao resto dos docentes programando e aplicando as actividades de forma colaborativa, estendendo así o programa a un maior número de alumnado.

A fase de consolidación, no curso 2021/22, ten como obxectivo que o centro docente utilice de forma autónoma as metodoloxías, técnicas e actividades e sexa quen de elaborar outras novas, incluíndo obxectivos propios do crecemento emocional, social e creativo do alumnado. Para iso, será necesario que a maioría dos docentes do centro incorporen nas súas programacións de aula actividades deste programa para beneficiar á maior parte do alumnado.

Os centros que cumpran os obxectivos establecidos serán acreditados e pasarán a integrar á Rede de Centros do Programa de Educación Responsable.