Carmen Pomar visita o IES Ramón Cabanillas (Cambados), onde o seu departamento vai executar unha obra de rehabilitación integral

Cun investimento de 1.008.525,54 euros, a previsión é que os traballos queden executados este mesmo ano
Ven, 02/08/2019 - 16:58

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; visitaron esta mañá o IES Ramón Cabanillas, na localidade pontevedresa de Cambados, onde o seu departamento vai acometer obras de rehabilitación integral ao abeiro do anticipo de tesourería aprobado no Consello da Xunta para axilizar a licitación das obras con cargo ao superávit de 2018.

Cun investimento de 1.008.525,54 euros, a previsión é que os traballos queden executados este mesmo ano. A día de hoxe a Consellería aínda non ten notificación do outorgamento da licenza municipal, que foi solicitado o 17 de abril deste ano, polo que o curso das obras pode quedar comprometido como consecuencia desta demora por parte do Concello. En calquera caso a Consellería traballa para garantir a seguridade dos membros da comunidade educativa durante o tempo no que a actividade lectiva se compatibilice coas obras, dado que os traballos de maior envergadura se realizarán fóra do horario escolar e os que se acometan dentro del faranse baixo as máximas precaucións.

Tal e como sinalou a titular do departamento educativo da Xunta de Galicia, a rehabilitación integral deste IES permitirá acadar un aforro do 74,60 % no consumo de enerxía primaria non renovable e do 81,60 % en emisións de CO2. Para iso, farase unha nova sala de caldeiras, na que se cambia o sistema actual de dúas salas de caldeiras de gasóleo por un novo sistema de caldeiras-tándem de biomasa de alta eficiencia e renovaranse as cubertas das distintas alas da edificación, ben con nova cuberta de tella curva ou con láminas bituminosas.

Así mesmo, illarase a fachada polo exterior mediante sistema SATE, colocaranse novas fiestras de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo e instalaranse luminarias de alta eficiencia enerxética, con equipos de regulación lumínica e detectores de presenza na planta baixa, así como en corredores e aseos das plantas primeira e segunda.

A maiores, a actuación programada inclúe a colocación de falso teito na planta baixa e o pintado dos paramentos que se atopen en mal estado.

STEMBach
Carmen Pomar aproveitou a súa visita ao centro para interesarse polo avance da implantación do STEMBach, o Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía posto en marcha pola Consellería no curso 2018/19 como unha iniciativa pioneira ao abeiro da Estratexia Galega para a Educación Dixital, Edudixital 2020. O IES Ramón Cabanillas foi un dos primeiros 15 centros de ensino galegos en sumarse a esta iniciativa, cunha ducia de alumnas e alumnos implicados.

Cómpre lembrar que, entre outras actividades adicionais, o alumnado que cursa este bacharelato, -ben sexa na modalidade de Humanidades ou na de Ciencias-, no segundo ano debe desenvolver un proxecto de investigación individual ou colectivo con posterior defensa pública. Este proxecto, similar ao traballo de fin de grao, será co-dirixido por un docente dun departamento universitario ou dun centro de investigación de prestixio do Sistema Universitario de Galicia (SUG), e será titorizado polos profesores que impartan a materia de afondamento STEM.

O obxectivo deste bacharelato é promover a vocación do alumnado cara á investigación científica e tecnolóxica, mediante unha metodoloxía que lle facilite a incorporación e adaptación á ensinanza universitaria, e tendo en conta a perspectiva de xénero. Ademais, favorécese unha mentalidade científica, rigorosa, ordenada e crítica; así como o desenvolvemento da creatividade, do sentido da iniciativa ou do emprendemento e da resolución de problemas.

O IES Ramón Cabanillas participa ademais noutros programas educativos innovadores impulsados pola Consellería como o de libro dixital (E-Dixgal, ao que se incorporou o pasado curso 2018/19), o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) ou os Contratos-Programa.