Carmen Pomar visita o CEIP da Ramallosa (Teo), onde comezaron as obras de eficiencia enerxética nas que a Xunta inviste 715.000 €

Os traballos abranguen a substitución da cuberta, o illamento da fachada e dos teitos, a substitución de ventás e persianas, a instalación de luminarias de alta eficiencia enerxética e o pintado de interiores, entre outros
A conselleira subliñou que o groso das obras se vai levar a cabo no período estival e con todas as medidas de seguridade
Lun, 15/07/2019 - 12:57

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou esta mañá o CEIP da Ramallosa, en Teo, onde xa comezaron as obras de rehabilitación enerxética que suporán un investimento de preto de 715.000 euros por parte do Goberno galego.

A conselleira, que estivo acompañada do secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén, salientou que as obras xa comezaron hai dúas semanas e desenvolveranse ao longo de dous meses e medio, aínda que o groso dos traballos se levarán a cabo no período estival e con todas as medidas de seguridade, polo que non lle van afectar ao inicio do curso escolar. Actualmente está rematando a colocación dos andamios para illamento da fachada e xa se están instalando falsos teitos e luminarias no interior das aulas. Prevese que o próximo mércores comecen os traballos de desmontaxe da cuberta.

A parte máis destacada é a de eficiencia enerxética, o que suporá, en palabras de Pomar, unha mellora do confort para o alumnado e o profesorado do centro, ao tempo que se acadaran importantes aforros no consumo de gas e electricidade.

Estes traballos abranguen a substitución da actual cuberta por outra de chapa de aceiro galvanizado con illante intermedio (tipo sandwich), o illamento da fachada mediante o sistema SATE, o illamento dos teitos das plantas superiores mediante lá de roca ou placas ríxidas de poliestireno, a substitución das actuais ventás por outras de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e dobre vidro baixo emisivo e a substitución de persianas por outras de aluminio con illante térmico interior, e as luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética.

A maiores a rehabilitación complétase coa instalación de falso teito nas aulas, a reparación e pintado dos paramentos interiores segundo o estudo cromático elaborado polo Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG), a substitución de portas interiores e a instalación dunha escaleira de emerxencia.

Estas obras enmárcanse no Plan de dotación de infraestruturas educativas para o período 2016-2021, que contempla 9 actuacións de rehabilitación enerxética (incluída esta da Ramallosa); e outras 22 obras de rehabilitación integral (enerxética e funcional), todas elas a piques de comezar este verán nas catro provincias galegas e que, no seu conxunto, suman preto de 25 millóns de euros tan só para este ano.