Carmen Pomar pon en valor o talento e a capacidade de xestión e de liderado do sistema de investigación en Galicia

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional participou na presentación da Fundación GADEA pola Ciencia
Salientou que unha das principais apostas do departamento que dirixe é o reforzo da investigación universitaria a través do apoio á formación, á captación e retención do talento e á consolidación de grupos, estruturas e centros de investigación
O apoio á investigación universitaria conta cunha partida de financiamento específica da Consellería de Educación, que no presente ano acada os 61,4 millóns de euros
Mér, 19/06/2019 - 13:02

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou esta mañá na presentación en Galicia da Fundación GADEA pola Ciencia, un acto no que salientou o talento e a capacidade de xestión e de liderado dos científicos que traballan no ámbito universitario galego.

A entidade, que ten carácter estatal, presentouse na Aula magna do Edificio Docente Roberto Novoa Santos, da Universidade de Santiago de Compostela, nun acto no que tamén interviron o reitor da USC, Antonio López; e Julio Álvarez Builla, patrono da Fundación; e que contou coa asistencia do director da fundación GADEA pola Ciencia, José Antonio Gutiérrez Fuentes, entre outros.

Durante a presentación da mencionada entidade, a conselleira Carmen Pomar salientou que unha das “apostas máis firmes” do Goberno galego é o reforzo da investigación universitaria, que se plasma nunha partida orzamentaria específica que no presente ano acada os 61,4 millóns de euros, e que se sustenta en catro piares que son o apoio á formación, a captación e retención do talento e a consolidación de grupos de investigación e grandes estruturas.

A conselleira fixo especial fincapé na potenciación dos centros de investigación (cunha nova convocatoria de Centros de Investigación Singulares), e un Plan de Captación e Retención de Talento Investigador, que contemplará financiamento autonómico para que as universidades contraten máis persoal investigador. Isto último farase -tal como avanzou a conselleira- a través de dúas modalidades que son a de investigador distinguido (para atraer novos perfís científicos en áreas de I+D con carácter estratéxico), e a de investigador sénior (perfís excelentes cunha carreira acreditada internacionalmente).

Todo isto está enfocado a “crear un entorno favorable á investigación excelente para atraer e recuperar talento en beneficio da nosa sociedade” e “facer visible a ciencia excelente que se desenvolve en Galicia de xeito que o noso sistema universitario logre ser unha das referencias cando se fale de investigación en España”, concluíu.

Corresponsabilidade social

A Fundación GADEA pola Ciencia, integrada xa por 277 científicas e científicos do máis alto nivel, ten como obxectivo contribuír á mellora e avance do sistema Español de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación, con especial atención ao papel das persoas investigadoras, as universidades, os centros de investigación e as empresas. Para iso, impulsa actividades e programas relacionados coa investigación, formación, divulgación, prevención, consultaría, asistencia técnica e financiamento de proxectos en todos os campos de coñecemento.

A entidade naceu baixo o principio da corresponsabilidade social e coa vocación de favorecer sinerxías con outras organizacións, do sector tanto público como privado, que aposten por poñer de relevancia a calidade do traballo científico que se está a desenvolver en España.

A Fundación GADEA pola Ciencia organízase en doce áreas de coñecemento, entre as que figuran as de Matemáticas, Física e Ciencias do Universo, Química, Ciencias da Vida, Ciencias Medioambientais, Ciencias Médicas e da Saúde, Ciencias da Sociedade, Ciencias do Coñecemento e a Translación e Xestión Científica e Transferencia Industrial.