A FP galega mostra a súa oferta e saídas profesionais no Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat)

Carmen Pomar visitou o stand instalado polo seu departamento na Feira Internacional de Galicia Abanca
Ven, 07/06/2019 - 15:43

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou esta mañá o stand de Formación Profesional no Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat), que se está a desenvolver na Feira Internacional de Galicia Abanca, na localidade pontevedresa de Silleda. Neste espazo ofrécese información sobre os diferentes ciclos de FP que se imparten no sistema educativo galego, así como sobre as súas saídas profesionais. Para iso o stand está atendido por persoal da Consellería e por orientadores e orientadoras dos CIFP Politécnico de Santiago e Paseo das Pontes (A Coruña), así como dos IES Pintor Colmeiro (Silleda), Ramón Mª Aller Ulloa (Lalín), Laxeiro (Lalín), Plurilingüe Antón Losada Diéguez (A Estrada), Xelmírez I (Santiago de Compostela) e Fraga do Eume (Pontedeume).

A maiores, no espazo instalado polo departamento educativo da Xunta de Galicia desenvolveranse diferentes obradoiros. Así o CIFP Paseo das Pontes ofrecerá un de elaboracións básicas de marroquinaría e outro de pregado artístico de toallas e servilletas; o CIFP Compostela encargarase do obradoiro de coctalaría; e o IES Vilamarín (Vilamarín) desenvolverá un sobre queixos artesáns galegos. Pola súa banda, o CIFP Carlos Oroza (Pontevedra) realizará un obradoiro sobre alimentación saudable, o IES Sanxillao (Lugo) sobre coctalaría sen alcohol e o IES Fraga do Eume sobre a elaboración de doces de bagazo de cervexa artesá.