O alumnado que participa nos Clubs de Lectura destaca nas habilidades comunicativas, pensamento crítico, actitudes igualitarias e integradoras e rendemento académico

A conselleira de Educación, Carmen Pomar, inaugurou a XII Xornada dos Clubs de Lectura, que reúne unhas 300 persoas en Santiago
Así se desprende do estudo “Clubs, lectores e lectoras no ensino secundario de Galicia” no que se recolle un traballo de campo logo de máis dunha década de funcionamento destes clubs nos centros escolares galegos
O Premio Clubs de Lectura 2019 recaeu na escritora María Reimóndez
Ven, 07/06/2019 - 11:08

O alumnado que participa nos Clubs de Lectura dos seus centros escolares destaca nas súas destrezas comunicativas, nas habilidades de pensamento e nos seus comportamentos no ámbito da diversidade e da igualdade que repercuten de xeito positivo nos seus logros académicos, sobre todo no que atinxe á calidade de comprensión e expresión tanto oral como escrita.

Así se desprende do estudo “Clubs, lectores e lectoras no ensino secundario de Galicia” que se deu a coñecer hoxe en Santiago con motivo da XII xornada dos Clubs de Lectura, no que se dan cita arredor de 300 asistentes entre estudantes e profesorado, e que contou coa presenza da conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar.

Carmen Pomar sinalou que a lectura “é clave na construción dunha sociedade máis avanzada, xusta e libre, así como na formación dos cidadáns dunha sociedade democrática”. A titular de Educación do Goberno galego dixo sentirse “gratamente sorprendida” por dous aspectos en concreto que se recollen no estudo, que son “a súa contribución á mellora da calidade da educación, ao coidar tanto a igualdade entre mulleres e homes coma a atención á diversidade” e “a capacidade do alumnado para manter unha conversa construtiva, facer escoita activa, respectar as opinións alleas, e ter conciencia do valor da conversa como ferramenta de construción”.

Logo de máis dunha década de funcionamento dos Clubs de Lectura, Educación vén de realizar unha avaliación sobre a relación que teñen coa lectura tanto os rapaces como os adultos que participan nos 253 Clubs de Lectura que actualmente están funcionando nos centros escolares co apoio da Consellería, que no presente curso destinou a este fin un total de 236.000 euros.

Para isto, levouse a cabo un estudo de campo entre os meses de abril e xuño do pasado ano, da man de José Antonio Millán, doutor en Literatura Comparada pola Universidade de Barcelona e Licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade Autónoma de Madrid, con dilatada experiencia en tarefas de investigación sobre lectura.

O estudo centrouse en aspectos máis cualitativos que cuantitativos, xa que o obxectivo era comprender a realidade social complexa que representa a lectura no tramo de idade do ensino secundario e de adultos, así como os efectos dos clubs nos seus integrantes.                

Beneficios para o conxunto da comunidade educativa

Dos resultados obtidos despréndese unha serie de efectos destes clubs nos seus integrantes que cómpre destacar, como o carácter socializador e sentido de pertenza ao grupo, na medida en que se crean grupos de persoas que xeran comunidades de aprendizaxe que non terían interactuado entre si de non existir o club (especialmente notable nos clubs de persoas adultas); o efecto integrador, sobre todo na etapa da adolescencia, onde estes clubs ofrecen un espazo de seguridade para persoas que poden sentirse diferentes; e a construción de pensamento crítico derivada de actividades sociais de alto nivel que teñen repercusión na súa vida académica e social. Así mesmo tamén se comprobou que estes clubs constitúen espazos de liberdade onde os rapaces poden expresar libremente as súas opinións.

Todos estes aspectos tradúcense en beneficios xerais para a boa convivencia no centro e para as relacións co profesorado e, polo tanto, para o conxunto do sistema educativo.

Premio Clubs de Lectura a María Reimóndez

Ademais da presentación dos resultados do estudo, no decurso das xornadas fíxose entrega do Premio dos Clubs de Lectura 2019 á escritora, tradutora e intérprete María Reimóndez, que foi a autora escollida polos alumnos e alumnas que participan nos clubs.

Este galardón foi creado en 2015 co obxecto de poñer en valor o labor de autores galegos que facilitan coas súas obras a función do profesorado como mediadores de lectura e que concitan o interese das persoas que toman parte nos clubs, contribuíndo á construción de novos lectores e lectoras na etapa da adolescencia. Os autores galardoados ata o momento foron Agustín Fernández Paz (2015), Ledicia Costas (2016), Miguelanxo Prado (2017), e Carlos Negro (2018).

A xornada completouse con obradoiros de literatura e poesía, conferencias, e experiencias de boas prácticas sobre os funcionamentos dos clubs por parte de representantes de colexios e institutos.