A Consellería de Educación reforza a colaboración con Leroy Merlín, Media Markt e Volskwagen no marco do plan de dinamización da FP Dual

Carmen Pomar asinou hoxe os convenios para a posta en marcha de ciclos formativos nesta modalidade
Ofertaranse 60 prazas para 3 grupos do ciclo de grao superior en Xestión de Vendas e Espazos Comerciais en Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña na modalidade dual
A formación profesionalizadora amplíase a máis alumnado e realizarase en centros de traballo de toda Galicia
Xov, 06/06/2019 - 14:03

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, asinou hoxe convenios de colaboración con Julio Rodríguez Fernández (en representación de Leroy Merlín España) e con Sergio Negreira Lens (en representación de Media Markt Saturn Administración España) para a posta en marcha de 2 grupos na modalidade de FP Dual do ciclo de grao superior en Xestión de Vendas e Espazos Comerciais, que se completará con outro grupo máis neste mesmo ciclo froito da colaboración con Volkswagen Group España Distribución.

No marco do Plan de Dinamización da FP Dual que está a desenvolver o departamento educativo da Xunta de Galicia, con estes acordos renóvase e refórzase a colaboración con estas tres empresas, ampliando tamén o número de alumnas e alumnos que se poderán beneficiar e o número de centros de traballo implicados, distribuídos ao longo de toda a xeografía galega. Os grupos arrincarán en setembro de 2019 e a formación desenvolverase ata o 31 de agosto de 2021.

A través dos convenios asinados hoxe seleccionaranse un total de 60 alumnas e alumnos, que cursarán a parte de formación curricular no centro educativo no IES A Guía (Vigo), no IES Ramón Menéndez Pidal (A Coruña) ou no IES A Pontepedriña (Santiago de Compostela). O período de permanencia do alumnado de cada grupo no centro educativo ascenderá a 1.094 horas, o que supón o 55% do total da duración do ciclo.

O 45% restante, de acordo coas características propias da FP Dual, corresponderá a actividade profesionalizadora que permitirá ao alumnado familiarizarse coa realidade do mundo laboral e que se desenvolverá en centros de traballo das empresas en  toda Galicia.

As empresas colaborarán cos centros educativos na selección do alumnado e establecerán un sistema de bolsas dirixido aos estudantes participantes neste proxecto durante os meses nos que realicen actividade profesionalizadora no centro de traballo. As alumnas e alumnos serán tamén incorporados ao réxime da Seguridade Social.

A distribución de alumnado por centros educativos e centros de traballo é a que se reflicte no seguinte cadro:

Centro

Alumnado e centros de traballo de Leroy Merlín

Alumnado e centros de traballo de Media Markt

Alumnado e centros de traballo de Volskwagen

Total alumnos

IES Ramón Menéndez Pidal

LM A Coruña: 4

LM Oleiros: 1

LM Ferrol: 1

MM A Coruña: 4

MM Ferrol: 1

Autogándara: 2

Yáñez: 3

Autogándara: 1

Vimianzo motor: 1

Roysan Auto: 1

19

IES A Pontepedriña

LM Santiago: 4

LM Lugo: 1

MM Santiago: 3

MM Lugo: 2

Yáñez: 5

Bonaval Premium: 4

Varela Motor: 1

20

IES A Guía

LM Mos: 1

LM Ourense: 3

Mm Vigo: 2

V. Pérez Rumbao (VEPERSA): 1

Pérez Rumbao Car (PERCAR): 11

Mourente Motor Automoción: 1

Álvaro Hermida: 1

Talleres Gumerjo: 1

21

Total alumnos

15

12

33

60

 

Colaboración do tecido empresarial

Carmen Pomar quixo agradecer a colaboración do tecido empresarial no desenvolvemento dos proxectos de FP Dual, sen o que sería imposible desenvolver esta modalidade da formación profesional. Neste sentido destacou que a implicación das empresas na FP Dual en Galicia é real e comprometida dado que, a diferenza de proxectos doutros lugares, a Administración non subvenciona nin bonifica á empresas colaboradoras.

A conselleira destacou tamén a este respecto o magnífico traballo que están a desenvolver os centros educativos na impartición dos ciclos formativos, unha formación de calidade que resulta atractiva para as empresas. “De feito, o tecido empresarial está a demostrar que confía na FP e nos seus titulados como unha fonte de cualificación excelente e de innovación”, destacou.

Plan de dinamización da FP Dual

Carmen Pomar recordou que o seu departamento ten en marcha o Plan de dinamización da FP Dual de Galicia, no cal se vai investir neste curso e no vindeiro case 5 millóns de euros. Un dos obxectivo do plan é o incremento da matrícula nun 40% nesta modalidade, que é tendencia en toda a Unión Europea e que ademais se ten demostrado como unha vía directa ao emprego dado que, segundo o último estudo de inserción laboral, 9 de cada 10 titulados da Dual conseguen traballo.

A principal medida do Plan é o impulso da implantación de novos proxectos de FP Dual a través da colaboración con todo tipo de empresas, independentemente do seu tamaño e dimensión, con asociacións empresariais e sectoriais, institucións e organizacións sen ánimo de lucro e, especialmente coas empresas punteiras en sectores estratéxicos para Galicia. A maiores, a Consellería apostará pola posta en marcha de proxectos no rural.

Por outra banda, e en relación directa co alumnado, poranse á súa disposición axudas ao desprazamento no período de estadía na empresa e realizarase, por primeira vez, unha convocatoria específica de mobilidade, para o profesorado e o alumnado que estea a cursar FP Dual. O obxectivo é permitirlles vivir unha experiencia que mellore a súa cualificación, tanto no eido das competencias técnicas como no das lingüísticas, en particular as correspondentes á linguaxe técnica específica de cada profesión.

Así mesmo, entre outras accións, recoñecerase a confianza e o compromiso do tecido empresarial galego coa creación, neste 2019, do Premio FP Dual Galicia, con categorías dirixidas aos titores, ás pequenas e medianas empresas, ás grandes empresas e ás organizacións (asociacións empresariais, cámaras de comercio, institucións, fundacións e outro tipo de colectividades sen ánimo de lucro).