Os colexios rurais agrupados de Santa Comba e Coristanco escenifican a súa fusión nun acto que congregou a representantes dos CRAs do resto de Galicia

A conselleira de Educación, Carmen Pomar, e o conselleiro do Medio Rural, José González, visitaron ambos centros
A partires de agora a Escola de Educación Infantil de Lañas (A Baña) tamén se incorpora ao CRA resultante desta fusión
Mér, 05/06/2019 - 13:59

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e o conselleiro do Medio Rural, José González, participaron hoxe no acto de fusión do Colexio Rural Agrupado (CRA) de Santa Comba e o CRA Novo Mencer (Coristanco) nun único CRA que inicialmente se denominará CRA de Santa Comba-Coristanco e ao cal tamén se incorpora a Escola de Educación Infantil de Lañas (A Baña), un evento organizado por AMCRAGA (asociación de Mestres/as dos CRA de Galicia) ao que asistiron como invitados os representantes dos outros CRAs que existen na nosa comunidade (27 en total contando o resultado desta fusión).

Esta fusión lévase a cabo atendendo á petición expresa das direccións de ambos CRAs, así como da EEI de Lañas, que foi referendada polos claustros dos tres entes, polos seus respectivos consellos escolares (onde están representadas as familias) e co apoio dos concellos de Santa Comba, Coristanco e A Baña.

Ambos conselleiros efectuaron unha visita á Escola de San Cristovo, un dos tres lugares de docencia que ten o CRA de Santa Comba; e posteriormente desprazáronse a EEI de Lañas, no limítrofe Concello da Baña, onde tiveron ocasión de manter un encontro cos representantes do resto dos CRAs de Galicia convidados ao acto.

Na visita a estes centros, a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, salientou a importancia desta fusión na medida en que permite aproveitar sinerxías canto á planificación da actividade educativa e organización de recursos que redundan nun servizo educativo de máis calidade.

De feito, o CRA de Santa Comba ten tres lugares de docencia (escolas de Boaña, O Busto e Mallón-San Cristovo) e o Novo Mencer outros catro repartidos por distintos lugares do concello de Coristanco (Feiranova, Oca, Rabadeira e Xaviña), polo que o CRA que agora resulta da fusión xunto coa incorporación da EEI de Lañas (A Baña), supón aglutinar oito escolas -que entre todas elas suman unhas 80 alumnas e alumnos no presente curso escolar- repartidas en tres concellos distintos baixo unha mesma dirección e coordinación administrativa e educativa.

Así mesmo, Carmen Pomar fixo fincapé no papel dinamizador e de cohesión do territorio que exercen as escolas de Educación Infantil e os Colexios Rurais Agrupados nas zonas onde se insiren, así como no excelente labor que están desenvolvendo os docentes que traballan nestes centros dispersos por aldeas e parroquias de toda Galicia. 

Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural, José González , defendeu a importancia da formación, non só na etapa infantil, senón tamén a nivel profesional. Por iso, e de cara a garantir a competitividade do noso agro e da Galicia en xeral, lembrou a importante aposta que está a facer a Consellería do Medio Rural por este ámbito a través do futuro Plan Estratéxico de Formación que desenvolverá a Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

Neste sentido, José González lembrou que na última década un total de 1.220 persoas cursaron diferentes ciclos formativos ordinarios da familia profesional agraria nos distintos centros de formación e experimentación agroforestal que ten a Consellería do Medio Rural. A esta cifra habería que sumar ademais, todos aqueles cursos de menor grao que buscan a continua actualización e reciclaxe do sector agrogandeiro, como cursos de fitosanitarios, de benestar animal e de incorporación á empresa agraria, entre outros. Neste caso impartíronse un total de 2.881 cursos que contaron coa participación de 63.102 persoas.

Os CRAs son centros educativos onde se imparte Educación Infantil e os dous primeiros cursos de  Educación Primaria no rural, que teñen as súas aulas en escolas repartidas entre varias parroquias; aínda que cunha centralización da xestión e administración que normalmente se confire ao centro que se atopa no núcleo de poboación máis importante.

Actualmente en Galicia existen un total de 27 CRAs (incluído o resultante desta fusión) que aglutinan a preto de 2.200 alumnos, aos que hai que engadir unhas 88 Escolas Unitarias que suman uns 1.000 alumnos máis.

Declaracións da conselleira

Declaracións do conselleiro