O programa Piteas contribúe á mellora da aprendizaxe, a motivación e o desenvolvemento do talento do alumnado

A conselleira Carmen Pomar e o presidente da Fundación Barrié, José María Arias Mosquera, presentaron os primeiros resultados deste proxecto
Así o reflicte o estudo realizado pola Universidade de Santiago de Compostela, logo de dous anos de implantación deste programa de formación e mentorización para o desenvolvemento do talento nas aulas, desenvolvido pola Fundación Barrié en colaboración coa Consellería de Educación
A conselleira Carmen Pomar salientou que o alumnado avaliado mostrou unha mellora significativa nas súas aptitudes intelectuais, en creatividade, no incremento da súa motivación e nas cualificacións por materias
Neste programa participan un total de 17 centros que aglutinan a máis de 2.600 alumnos e preto de 500 docentes implicados
Mar, 04/06/2019 - 13:05

Os primeiros resultados do estudo realizado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) constatan que o programa PITEAS contribúe a unha mellora do rendemento académico e das habilidades cognitivas e creativas do alumnado que participa nesta iniciativa desenvolvida pola Fundación Barrié coa colaboración da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, e a participación da USC.

A conselleira de Educación, Carmen Pomar, e o presidente da Fundación Barrié, José María Arias Mosquera, presentaron hoxe na Coruña os resultados obtidos logo de dous cursos de funcionamento (os cursos 2016/17 e 2017/18), que reflicten que os participantes neste programa presentan avances significativos na capacidade de aprendizaxe, na comunicación e expresión, na motivación, no traballo en equipo e no desenvolvemento dos talentos tanto do alumnado coma do profesorado dos centros participantes, o que xera un clima de aprendizaxe moi positivo.

O estudo ten por obxectivo valorar en que medida a implantación deste modelo no contexto educativo galego contribúe a unha mellora das habilidades cognitivas, creativas e motivacionais do alumnado e o seu rendemento académico.

Os resultados, segundo a conselleira Carmen Pomar, “non poden ser máis satisfactorios, xa que o alumnado mostrou unha significativa mellora nas súas aptitudes intelectuais, así como na súa creatividade, o que repercutiu nunha mellora das cualificacións en todas as materias analizadas”. “Ademais nótase un claro incremento da motivación, así como da participación e implicación das rapazas e rapaces, que son máis perseverantes nas súas tarefas”, explicou a conselleira de Educación. 

Carmen Pomar subliñou que o papel do profesorado na promoción do talento e do desenvolvemento social exerce de polo de tracción na mellora xeral do sistema educativo. Neste principio é no que precisamente se basea o proxecto PITEAS, que parte do marco teórico SEM (Modelo de Enriquecemento Escolar) deseñado polo equipo dos doutores Renzulli e Reis, inicialmente pensado para estudantes de alto rendemento, pero que hoxe en día se aplica a todo o alumnado co obxectivo de converter as escolas en epicentro de desenvolvemento do talento. “Galicia é, agora, pioneira en Europa, e empezamos a ver resultados”, concluíu a titular de Educación do Goberno galego.

Así, a través da Unidade de Altas Capacidades da USC, levouse a cabo un seguimento ao longo das etapas de Primaria e ESO coa participación de 490 alumnos dos sete centros educativos que forman parte do proxecto desde a súa posta en marcha: CEIP Ben-Cho-Shey (Pereiro de Aguiar, Ourense); CPR Eduardo Pondal (Cangas, Pontevedra); CEE de Panxón (Nigrán, Pontevedra); CPR A Grande Obra de Atocha (A Coruña); CPR La Inmaculada (Santiago de Compostela); CEIP Carballal (Marín, Pontevedra) e IES A Xunqueira II (Pontevedra).  

Logo do seguimento realizado, constátase unha mellora no ámbito educativo tanto na etapa de Primaria como na de Secundaria dos alumnos do grupo PITEAS con respecto aos grupos de referencia.

Secundaria

En Secundaria obsérvase unha mellora de todas as materias troncais, sendo a vantaxe máis alta en Lengua Castellana y Literatura (18,21%), seguido das materias de Ciencias (16,10%), de Lingua Estranxeira (13,38%), de Xeografía e Historia (10,82%), de Lingua Galega e Literatura (10%) e Matemáticas (6,16%).

Canto a aptitudes intelectuais (intelixencia verbal e intelixencia xeral), o estudo constata un crecemento rápido durante o primeiro curso académico que se ve estabilizado no segundo curso, e que de media o alumnado pasa de estar en centiles medio-altos a situarse en centiles altos. A mellora tamén atinxe á creatividade (entendida como a facilidade e disposición de elaboración de novos esquemas de pensamento ante situacións comúns).

Primaria

En Primaria o alumnado do programa PITEAS tamén logrou mellores cualificacións en Lengua Castellana y Literatura (5,11% máis que o grupo de contraste), Matemáticas (5,66%), Lingua Galega e Literatura (5,11%), Ciencias Sociais (1,7%), Ciencias Naturais (1,46%), e Lingua estranxeira (0,16%). Estas melloras visualízanse tanto nas actitudes intelectuais coma na creatividade.

Potenciar o talento nas aulas

Cómpre lembrar que Piteas é unha iniciativa promovida pola Fundación Barrié coa colaboración da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e a participación da Unidade de Altas Capacidades da Universidade de Santiago de Compostela, que naceu en maio de 2016 como un proxecto de mellora da formación do profesorado e de apoio e asesoramento aos centros educativos na detección e educación do talento do alumnado.

O obxectivo principal deste  programa é potenciar o talento nas aulas a través da implantación dun modelo de enriquecemento para todo o alumnado, baseado no modelo SEM (Schoolwide Enrichment Model), de Renzulli e Reis, da Universidade de Connecticut, adaptándoo á nosa realidade educativa e, especialmente, seguindo as directrices europeas no relativo ao desenvolvemento das competencias clave.

O programa inclúe un plan de formación do profesorado, a implantación de proxectos na aula, a presentación e difusión de ditos proxectos, e unha investigación da USC que inclúe a avaliación das competencias do alumnado.

A filosofía SEM, a investigación e a ciencia, a oratoria, o debate e a comunicación son algunhas das liñas de traballo por proxectos do profesorado dos centros educativos participantes en PITEAS no período 2016-2020.

Rede de centros PITEAS

Desde que se puxo en marcha por primeira vez no curso 2016/17, a rede de centros PITEAS foise ampliando de xeito paulatino ata acadar os 17 centros actuais (incluídos os 7 centros experimentais que agora foron obxecto de seguimento), que acadan os 2.665 alumnos e preto de 500 docentes implicados. Todos eles exporán os seus proxectos na próxima feira PITEAS que terá lugar o vindeiro día 14.

A maiores, a través da liña de traballo de Escola inclusiva e atención á diversidade do Plan de Formación Permanente do Profesorado (PFPP) da Consellería, nestes momentos hai 11 centros iniciándose no coñecemento do modelo SEM e, unha vez finalizado este achegamento, poderán optar a incorporarse á rede PITEAS de traballo con proxectos e apoio con mentorización.