Marta Villar, do CEIP Castrelo de Miño (Ourense), representará a Galicia no certame nacional Que é un rei para ti?

A conselleira de Educación participou na lectura do fallo do xurado
Á fase galega do certame presentáronse 1896 traballos, procedentes de 118 centros participantes
Lun, 03/06/2019 - 15:38

Marta Villar, do CEIP Castrelo de Miño (Ourense), representará a Galicia na 38ª edición do certame nacional Que é un rei para ti?, co que a Fundación Institucional Española (FIES), baixo o patrocinio da fundación Orange, pretende fomentar nos escolares de 8 a 13 anos unha primeira toma de contacto coa figura do xefe do Estado, coa historia da Coroa e o seu papel na sociedade actual. A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén colaborando na organización da fase autonómica.

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou na lectura do fallo do xurado sobre a gañadora do concurso en Galicia, xunto co representante institucional de FIES, Andrés Merino, e o director territorial de Relacións Institucionais de Orange España, Óscar Aragón. No acto inaugurouse tamén a exposición dos 40 traballos finalistas da fase autonómica do certame, na que participaron 1896 traballos e 118 centros. Todos eles amosan, mediante a imaxinación, a creatividade, o talento e o esforzo precisos, a súa visión particular e persoal do que representa o monarca.

Carmen Pomar destacou a calidade dos traballos e felicitou aos participantes. “Fostes seleccionados por un xurado moi esixente, o que é mostra do alto nivel dos proxectos elaborados. Estar hoxe aquí é xa un premio en si mesmo”. Neste sentido animou o alumnado a continuar nesta liña, “porque todo esforzo ten a súa recompensa dun xeito ou doutro”.

A conselleira agradeceu ademais ao profesorado dos centros participantes a súa entrega e  dedicación. “É un orgullo contar con profesionais coma vós, que son un referente do noso sistema educativo”.

Na súa condición de gañadora da fase autonómica do concurso, Marta Villar asistirá a unha audiencia co rei Felipe VI, e realizará unha visita ao Palacio Real de Madrid xunto coas nenas e nenos premiados do resto das Comunidades Autónomas.

A Fundación Institucional Española (FIES) é unha entidade cultural privada creada no ano 1976 co fin de fomentar e estimular o estudo da Monarquía como institución, fomentar o coñecemento e o respecto ás persoas que a encarnan, difundir os beneficios da Monarquía e facer promocións das iniciativas que promovan a divulgación e formación da sociedade nos valores de convivencia e solidariedade, como reflexo da liberdade e pluralidade propugnada pola Coroa na España actual. Pode participar no certame todo o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º cursos de Educación Primaria, e de 1º e 2º curso de Educación Secundaria Obrigatoria.