Educación abre o prazo para que os centros se incorporen ao STEMbach, o bacharelato de excelencia en ciencias e tecnoloxía, o vindeiro curso escolar

O obxectivo desta iniciativa, enmarcada dentro da Estratexia Galega para a Educación Dixital, Edudixital 2020, é promover as vocacións científico-tecnolóxicas entre o alumnado, en conexión coa universidade e tendo en conta a perspectiva de xénero
Este bacharelato -que cursan actualmente 200 alumnos de 15 centros educativos- inclúe un proxecto de investigación con posterior defensa pública, unha materia extracurricular semanal e actividades complementarias de formación
Xov, 30/05/2019 - 09:00

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, abre o prazo para que os Institutos de Educación Secundaria que o desexen incorporen o vindeiro curso escolar o STEMBach, o Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía que se implantou por primeira vez en Galicia o curso pasado como experiencia piloto. A convocatoria pode consultarse no Diario Oficial de Galicia.

O obxectivo deste bacharelato -enmarcado na Estratexia Galega para a Educación Dixital, Edudixital 2020- é promover a vocación do alumnado cara a investigación científica e tecnolóxica, mediante unha metodoloxía que lle facilite a incorporación e adaptación á ensinanza universitaria, e tendo en conta a perspectiva de xénero. Ademais, favorécese unha mentalidade científica, rigorosa, ordenada e crítica; así como o desenvolvemento da creatividade, do sentido da iniciativa ou do emprendemento e da resolución de problemas.

O alumnado que curse este bacharelato, -ben sexa na modalidade de Humanidades, na de Ciencias ou na de Ciencias ou Artes-, no segundo ano deberá desenvolver un proxecto de investigación individual ou colectivo con posterior defensa pública. Este proxecto, similar ao traballo de fin de grao, será co-dirixido por un docente dun departamento universitario ou dun centro de investigación de prestixio do Sistema Universitario de Galicia (SUG), e será titorizado polos profesores que impartan a materia de afondamento STEM.

Así mesmo cursará unha materia extracurricular semanal, de dúas ou tres horas, de afondamento relacionada co ámbito de materias STEM e cunha orientación ao traballo na mellora das competencias comunicativas e dixitais. Esta materia será a mesma nos dous cursos coa correspondente secuenciación curricular.

O bacharelato complétase con actividades de formación -organizadas polo centro en colaboración con universidades, entidades ou organismos investigadores, ou con persoas investigadoras de recoñecida competencia- como conferencias, obradoiros ou proxectos.

Ao final da etapa, e tras a avaliación positiva tanto da materia de afondamento STEM extracurricular como da defensa do proxecto de investigación, o alumnado recibirá unha credencial da dirección do centro de que realizou os estudos correspondentes a este programa.

No presente curso 200 alumnos de 15 centros educativos cursan por primeira vez este ano o Stembach en Galicia.