A Consellería de Educación participa no Proxecto europeo RUSH para concretar as competencias plurilingües do profesorado

Trátase dun programa Erasmus+, na acción K2
Dom, 19/05/2019 - 12:00

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional participa no proxecto Re and up skilling horizons (RUSH), que celebrou esta semana en Santiago de Compostela un encontro transnacional para a mellora de horizontes compartidos e intercambio de experiencias. A finalidade desta iniciativa, que se enmarca na acción K2 de Erasmus+, é a reflexión, comparación e mellora dos procesos de aprendizaxe e ensino de linguas no marco dun contexto plurilingüe.

No proxecto participan 8 socios e implica a 3 países, Italia, España e Croacia. Os socios son institucións provinciais, rexionais e transnacionais, escolas e autoridades locais que deseñaron este proxecto ao concibir as habilidades plurilingües do profesorado como unha dimensión clave a nivel europeo.

A iniciativa xestouse inicialmente entre a provincia italiana de Udine e Galicia, aínda que despois tamén se sumou Croacia, na zona de minoría italiana. Nos tres contextos hai unha situación de convivencia de linguas, polo que o proceso de ensino-aprendizaxe de linguas pode presentar unha estreita relación. Froito desta situación, o proxecto presta unha atención especial ás linguas propias así como á introdución das linguas estranxeiras nestes contextos, co enfoque CLIL (Content and Language Integrated Learning).

Os socios colaboran tendo dous obxectivos comúns, en primeiro lugar a elaboración dunha guía plurilingüe (que será elaborada utilizando as linguas oficiais e minoritarias das rexións participantes no proxecto) e, en segundo, a creación dun centro de recursos educativos para a difusión de materiais educativos plurilingües. O aspecto novidoso de RUSH é facer que colaboren os países europeos vinculados por antigos lazos históricos e lingüísticos, creando unha forte sinerxía entre todas as institucións e escolas involucradas.

Na xornada celebrada esta semana abordáronse as oportunidades que brindan as linguas propias –neste caso o galego– para avanzar cara o plurilingüismo en ámbitos como a ciencia ou a literatura. Así mesmo, analizouse a importancia da lingua desde unha perspectiva inclusiva e coeducativa, ademais de como ferramenta para promover cambios positivos cara unha realidade inclusiva no eido educativo e social. O encontro puxo ademais en valor o traballo das persoas que promoven o uso do galego e son embaixadoras desta lingua e cultura fóra de Galicia.

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional participa neste proxeco a través da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, xunto cos centros educativos IES Salvaterra de Miño e o CEP Carlos Casares. A entidade coordinadora é a escola italiana Convitto Nacionale Paolo Diacono (Cividale del Friuli) que participa xunto con outros dous socios italianos, o concello de Cividale del Friuli (Comune di Cividale del Friuli) e a Agjenzie Regjional pe Lenghe Gurlane. Participan ademais dous socios croatas, a Unione Italiana (en Rijeka, asociación italiana para as Repúblicas de Croacia e Eslovenia) e a Scuola Elementare Italina Bernardo Belussi, de Rovigno.