A Consellería de Educación convoca o Premio Proxecta ás mellores iniciativas desenvolvidas ao abeiro destes programas

O obxectivo destes galardóns é consolidar e visibilizar a metodoloxía de traballo por proxectos que poñen en marcha os centros participantes nos programas enmarcados nesta iniciativa
Sáb, 18/05/2019 - 11:00

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de convocar o Premio Proxecta de Innovación Educativa 2019 para os centros docentes públicos admitidos no Plan Proxecta durante o curso escolar 2018/19. O obxectivo destes galardóns é consolidar e visibilizar a metodoloxía de traballo por proxectos que poñen en marcha os centros participantes neste programa.

A convocatoria establece dúas categorías, unha para infantil e primaria e outra para educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial. En cada unha delas concederanse cinco premios: un primeiro (5.000 euros), un segundo (4.000 euros), un terceiro (3.000 euros) e dous accésits (1.000 euros cada un).

Cada centro docente poderá presentar unha soa solicitude de participación nestes premios.

A solicitude e documentación deben presentarse en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de novembro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Ademais, deberase adiantar a través do correo electrónico unha copia da solicitude selada polo Rexistro, que será enviada antes do remate do prazo de solicitude ao enderezo electrónico planproxecta@edu.xunta.es

Entre outra documentación, para participar na convocatoria os centros deberán remitir unha memoria descritiva da integración da aprendizaxe competencial e da metodoloxía por proxectos a través da participación do centro no Plan Proxecta en calquera das súas convocatorias. Valoraranse todos aqueles aspectos que describan accións concretas, metodoloxías aplicadas e logros acadados coa participación nos distintos programas do Plan Proxecta. O prazo de presentación de solicitudes e documentación rematará o 31 de maio de 2019.

O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais, nos cales se inclúe a educación en valores.

Neste curso ofertáronse un total de 43 programas diferentes, relacionados cos ámbitos da saúde, a alimentación, a actividade física, a ciencia e a tecnoloxía, a lingua, o patrimonio, a solidariedade, o medio ambiente, o desenvolvemento sustentable, a igualdade, o consumo responsable, o voluntariado, a interculturalidade, a convivencia, a educación emocional, o audiovisual, a normalización lingüística, os dereitos da infancia ou a mobilidade, entre outros. No actual curso 2018/19 participan no Plan Proxecta 542 centros de ensino e preto de 138.000 alumnas e alumnos.