Dez centros educativos de primaria participarán na iniciativa de voluntariado de lectura-A

Enmárcase no programa ‘Bibliotecas Escolares Solidarias’
Lun, 13/05/2019 - 10:47

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de publicar a resolución cos centros seleccionados para participar no programa Voluntariado de lectura-A, enmarcado no programa Bibliotecas Escolares Solidarias, que busca formar o alumnado nestas actitudes e no compromiso co seu entorno máis próximo e coa sociedade na que vive. A iniciativa desenvólvese en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social.

Un total de 10 de toda Galicia participarán este curso nesta iniciativa, en concreto os recollidos no seguinte cadro:

Centro

Concello

Provincia

Modalidades

CEIP Canosa-Rus

Coristanco

A Coruña

1-2-3

CEIP Raquel Camacho

A Coruña

A Coruña

1-2-3

CEIP Ramón de Artaza y Malvárez

Muros

A Coruña

1-2-3

CEIP Plurilingüe Alexandre Rodríguez Cadarso

Noia

A Coruña

1-2

CEIP da Pobra de Brollón

A Pobra de Brollón

Lugo

1-2-3

CEIP Plurilingüe Virxe do Carme

Sober

Lugo

1-2

CEIP Plurilingüe Manuel Bermúdez Couso

A Pobra de Trives

Ourense

1-2-3

CEIP Plurilingüe A Pedra

Bueu

Pontevedra

1-2-3

CEIP Ramón de Valenzuela

Silleda

Pontevedra

1-2

CEIP Plurilingüe Sobreira- Valadares

Vigo

Pontevedra

1-2-3

 

A participación nesta iniciativa levará consigo a organización no centro dun obradoiro específico destinado ao alumnado voluntario. Esta actividade poderá estar relacionada coa narración oral e a lectura expresiva, sobre circuítos e libros, a elaboración de booktrailers, un laboratorio de radio, os xogos cooperativos e tradicionais ou a música e danza tradicionais.

Como actividade integrada nos programas de voluntariado da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, o alumnado directamente implicado e responsable das actividades de voluntariado de lectura e de atención á biblioteca escolar recibirá un diploma pola súa colaboración como acción de voluntariado cultural, así como material divulgativo e de apoio ao programa.

O programa

Voluntariado de lectura-A ten como destinatario o alumnado de 5º e 6º cursos de ensino primario co obxectivo de estimular o voluntariado cultural relacionado coa biblioteca e a lectura.  A acción divídese en tres modalidades. A primeira delas consiste na colaboración coa biblioteca escolar, na que o alumnado forma parte do equipo de colaboradores que xunto co profesorado, e baixo a súa supervisión, contribúen ao bo funcionamento deste espazo no seu centro.

Na segunda modalidade, Ler con... D (Lecturas compartidas dentro do centro), o alumnado participa no deseño e organización de actividades de acompañamento na lectura a outros compañeiros, a través de fórmulas como os apadriñamentos lectores, a titorización lectora, ou as lecturas compartidas, entre ou outras.

Por último na terceira modalidade, Ler con... F (Lecturas compartidas fóra do centro), o alumnado participa no deseño e organización de actividades de acompañamento na lectura a outros nenos e nenas, doutros centros educativos, incluídas as escolas infantís; lectura a anciáns nas residencias de maiores; lectura a enfermos nos hospitais, etc. Así mesmo, poden incluírse neste apartado actividades nas que o alumnado teña unha participación activa na organización e desenvolvemento de actividades de lectura pública na parroquia, a vila ou o barrio; así como con alumnado doutros centros, coa biblioteca pública ou outras institucións do seu concello.