A Xunta comezará este ano as obras do novo Centro Galego de Innovación da FP en Ourense

A conselleira de Educación explicou no Parlamento que os traballos poderían comezar a finais de outubro
O edificio contará cunha cuberta superior vexetal e estará dividido en catro áreas de traballo flexibles e adaptables ás distintas necesidade de usos
Situarase na Antiga Escola de Mariñamansa, unha zona estratéxica da cidade das Burgas
Mér, 08/05/2019 - 20:46

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, explicou hoxe no Parlamento de Galicia que o seu departamento comezará as obras de construción do novo Centro Galego de Innovación da FP en Ourense este mesmo ano. “Unha vez definido o proxecto básico, a Consellería de Educación agarda poder dispor do proxecto de execución arredor do 15 de xullo, co obxectivo de licitar as obras nese mesmo mes e poder comezar as mesmas a finais do mes de outubro”, sinalou.

O centro situarase na antiga Escola Fogar de Mariñamansa, un edificio de 2.600 metros cadrados “que merece a pena recuperar porque ocupa un lugar estratéxico, ao  estar próximo ao CIFP A Farixa”, indicou. Isto permitirá reciclar a estrutura e os peches exteriores do edificio existente e introducir aquelas modificacións que permitan converter o interior da Antiga Escola nun espazo o máis diáfano posible, con particións flexibles que permitan espazos intercambiables segundo as distintas necesidades de usos.

Respecto das características do edificio, Pomar sinalou que terá unha cuberta superior vexetal, sobre a que se estenderá a instalación solar fotovoltaica do edificio e na que haberá áreas para situar toda a maquinaria de instalacións que se poidan precisar. O edificio terá catro áreas de traballo similares, nas que se garantirá “a flexibilidade e capacidade de adaptación a novos usos de cada unha delas, así como a súa independencia e intercambio dentro da organización xeral do edificio”. O obxectivo do proxecto é “adoptar solucións técnicas encamiñadas a conseguir unha maior eficiencia enerxética e un menor consumo, así como dotar ás instalacións das condicións e mecanismos que o fagan saudable, seguro, confortable e eficiente”, explicou a conselleira.

Colaboración

Carmen Pomar lembrou que a construción do Centro Galego de Innovación da FP en Ourense é posible grazas ao convenio asinado pola Xunta e a Deputación de Ourense o pasado 1 de marzo. A través del, a Deputación de Ourense achegará 5 millóns de euros, a Consellería de Economía, Emprego e Industria poñerá 1,5 millóns e a Consellería de Educación destinará 3,4 millóns para a rehabilitación do edificio da Antiga Escola de Mariñamansa  e para os gastos de funcionamento do centro.

A conselleira fixo fincapé na necesidade de sumar esforzos en prol do obxectivo último deste centro, “apostar pola investigación, pola innovación, pola creatividade e polo talento entre o alumnado da FP, favorecendo o desenvolvemento industrial e a incorporación das novas tecnoloxías e dotando de capital humano altamente cualificado ao tecido produtivo galego”.

Neste sentido, lembrou que desde este centro, “que está previsto que entre en funcionamento en 2020”, potenciarase unha formación profesional adaptada á industria 4.0 para que as empresas poidan contar con persoal cualificado e impulsaranse proxectos de innovación aplicada, novas contornas virtuais de simulación, de xeración e proxectos empresariais e de transferencia aplicada de patentes. Así mesmo, e sempre co obxectivo de sumar forzas, “favorecerase a creación de sinerxías co sector produtivo, mediante a transferencia de coñecemento dos centros á industria”.

Para conseguir estes obxectivos, o Centro contará con dúas coordinacións técnicas. Unha delas estará centrada na I+D+i, “con áreas que traballarán en metodoloxías para á industria 4.0, o Internet das cousas ou as patentes”; mentres que a outra o estará en emprendemento industrial, “que se encargará do asesoramento, seguimento, orientación e impulso dos proxectos, coa previsión de abrir o primeiro viveiro industrial de FP”, explicou Carmen Pomar.

Desta forma o Centro Galego de Innovación da FP de Ourense, “chamado a ser o motor da innovación e do emprendemento destas ensinanzas en Galicia”, converterá á cidade das Burgas “no centro común de alumnos, profesores e empresas vencelladas a esta modalidade, funcionando ademais como elemento de conexión e soporte para os 269 centros educativos con oferta de formación profesional”, sinalou.