Carmen Pomar coñece os programas educativos do CEIP Vicente Otero Valcárcel (Carral)

Lun, 06/05/2019 - 12:39

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou esta mañá o CEIP Vicente Otero Valcárcel, onde coñeceu os diferentes programas educativos que desenvolve o centro. No seu percorrido polo centro estivo acompañada polo delegado da Xunta na provincia, Ovidio Rodeiro, e polo alcalde de Carral, Jose Luis Fernández Mouriño.

A conselleira agradeceu ao equipo directivo e docente do centro o esforzo que está a facer para apoiar o alumnado con dificultades. Neste sentido, o CEIP desenvolve este curso a primeira liña dos contratos-programa, de Reforzo, orientación e apoio (PROA), que busca mellorar as perspectivas escolares deste alumnado a través do traballo ou apoio organizado para a adquisición das destrezas básicas que lle faciliten a incorporación plena ao ritmo de traballo ordinario e ás esixencias das diferentes áreas e materias.

Así mesmo, Carmen Pomar destacou o traballo que se realiza desde a biblioteca do centro, que forma parte do Plan de Mellora (Plambe), e que queda reflectido nun blog moi activo no que se recollen as diferentes iniciativas desenvolvidas arredor do libro e da lectura, así como outras experiencias interdisciplinares do centro. O centro mantén, ademais, outros blogues como Aprendendo Xuntos, Moita miga, As Clases de Segundo ou outros específicos nas materias de Inglés e Educación Física.