Un total de 20 estudantes poderán acadar os premios extraordinarios de bacharelato

A Consellería de Educación publica hoxe no DOG a convocatoria dos recoñecementos correspondentes ao curso 2018/19
Xov, 11/04/2019 - 10:20

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a orde pola se convocan os premios extraordinarios de bacharelato correspondentes ao curso 2018/19, que poderán acadar un total de 20 alumnas e alumnos. Cada un deles obterá un diploma acreditativo e un premio económico de 1.000 €.

Poderá optar ao premio extraordinario de bacharelato o alumnado que teña rematado os estudos de bacharelato no curso 2018/19 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia, ben na modalidade presencial ou na modalidade a distancia, e ser proposto para título na convocatoria ordinaria do dito curso; e que obtivese unha nota media do bacharelato igual ou superior a 8,75 puntos.

Ademais, as persoas candidatas deberán realizar unha proba estruturada en dúas partes. A primeira delas consistirá nunha análise e comentario crítico dun texto sobre un tema de carácter xeral, histórico, filosófico ou literario, e en responder cuestións de carácter cultural ou lingüístico sobre un texto na Primeira Lingua Estranxeira II cursada polo alumnado como materia xeral do bloque de materias troncais do bacharelato.

A segunda parte consistirá no desenvolvemento de temas, respostas a cuestións ou exercicios prácticos dunha materia xeral do bloque de materias troncais cursada polo alumnado a elixir entre  Matemáticas II, Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais II, Latín II e Fundamentos da Arte II.