Carmen Pomar sinala a educación emocional e a comunicación humana como ferramentas para unha sociedade mellor

A conselleira de Educación presentou o relatorio de Luis Rojas-Marcos no ciclo de conferencias Diálogos de educación
O Centro de Formación e Recursos de Pontevedra organiza esta actividade co gallo do seu 25 aniversario
Xov, 04/04/2019 - 20:13

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, presentou hoxe o relatorio Somos o que falamos. O poder terapéutico de falar e falarnos, impartido polo psiquiatra Luis Rojas-Marcos no marco dos Diálogos de Educación organizados polo Centro de Formación e Recursos (CFR) de Pontevedra, dependente do departamento educativo da Xunta de Galicia.

A conselleira sinalou a educación emocional e a comunicación humana como as ferramentas principais para unha sociedade mellor. Neste sentido agradeceu o traballo de Luis Rojas-Marcos neste eido “xa que -asegurou- recoñezo nas súas ensinanzas a miña convicción de que son as persoas as que marcan a diferenza”.

Luis Rojas-Marcos é psiquiatra, investigador e profesor. Membro da Academia de Medicina de Nova Iorq e da Asociación Americana de Saúde pública, foi director do Sistema Psiquiátrico hospitalario Municipal de Nova Iorq, responsable dos Servizos de Saúde Mental, Alcoholismo e Drogodependencias desta cidade e presidente do Sistema de Hospitais Públicos da urbe. Desde o ano 2004 dedícase á investigación, docencia e xestión hospitalaria. É autor ademais de numerosas obras, entre as que cómpre salientar Las semillas de violencia (Premio Espasa de Ensayo 1995), La fuerza del optimismo (2005) ou Los secretos de la felicidad (2012).

Diálogos de Educación

O relatorio impartido hoxe por Rojas-Marcos enmárcase no ciclo de conferencias Diálogos de Educación, organizado polo Centro de Formación e Recursos (CFR) de Pontevedra co gallo do seu 25 aniversario, e no que se se abordan temas de actualidade no eido do ensino. O obxectivo é dar a coñecer distintas visións dos modelos educativos e reflexionar sobre a importancia da implicación de todos os membros da comunidade escolar, co fin de formar a un profesorado que dea respostas ás necesidades e demandas da sociedade (pluriligüismo, traballo colaborativo, potenciación de ámbito STEM ...)

Desde o inicio das sesións, en novembro de 2018, participaron nesta actividade o gañador da primeira medalla da esgrima española nuns Xogos Olímpicos (en Pequín 2008), José Luis Abajo Pirri, o membro do gabinete do Comisario europeo de Educación, Cultura, Xuventude e Deportes, Rodrigo Ballester; o filósofo, ensaísta e pedagogo José Antonio Marina e o doutor en Bioloxía e profesor de xenética da Universidade de Barcelona David Bueno.

O ciclo de conferencias rematará o día 27 de maio cun relatorio de Andria Zafirakou, galardoada co prestixioso recoñecemento Global Teacher Price 2018 polo seu traballo como docente de alumnado e familias dun dos barrios máis deprimidos de Londres.