Educación adxudica por 143.912,5 euros a rehabilitación do muro de contención do IES Pazo da Mercé (As Neves)

O prazo de execución das obras é de 2 meses
Mar, 02/04/2019 - 11:09

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de publicar na plataforma de Contratos de Galicia a adxudicación da rehabilitación do muro de contención do IES Pazo da Mercé, na localidade pontevedresa das Neves. As obras, que teñen un prazo de execución de 2 meses, foron adxudicadas a Construcciones Vale S.L. por 143.912,50 euros.

O obxectivo da actuación é solucionar as patoloxías do muro actual que delimita a parcela deste centro educativo. En primeiro lugar desmontarase a varanda do vieiro e demolerase o muro de cachotería existente. Ademais realizarase unha escavación complementaria que axude a reafirmar e asegurar o terreo antes de comezar a construción.

A cimentación e o novo muro executaranse en formigón interior para, finalmente dispoñer de novo a cachotería de granito cara ao espazo público do vieiro. Prevese ademais a impermeabilización da construción e a recollida das augas a través dun sistema de drenaxe conectado á rede de sumidoiros de pluviais da vía. Así mesmo, colocarase outra varanda, de tipoloxía similar á que esta instalada neste momento.