Educación convoca 90 prazas para estadías formativas en empresa dirixidas a profesorado de FP

No caso das estadías nalgún país da Unión Europea, este ano incorpórase unha liña específica para que os docentes compaxinen a formación en empresa con formación lingüística co fin de mellorar a competencia na linguaxe técnica
O obxectivo é mellorar a formación docente mediante o contacto co sector empresarial, o que permite coñecer directamente os procesos produtivos e os avances tecnolóxicos
Dom, 31/03/2019 - 13:00

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de publicar a convocatoria anual de estadías formativas en empresas ou institucións para o presente ano 2019 destinadas ao funcionariado docente non universitario que, en función das modalidades, poderán realizarse  en Galicia, en España ou nalgún país da Unión Europea.

Para as que se realicen en países da Unión Europea, este ano inclúese a posibilidade de combinar un período formativo en empresa con formación lingüística nun dos idiomas oficiais no país onde se desenvolvan para, deste xeito, favorecer a mellora da competencia lingüística e comunicativa na linguaxe técnica.

En total ofértanse 90 prazas dirixidas ao profesorado dos corpos e das especialidades vinculadas ás ensinanzas de formación profesional do sistema educativo, así como ás das artes plásticas e o deseño. 

O obxectivo desta iniciativa é mellorar a formación do profesorado a través do contacto directo co propio sector empresarial, o que lle permite coñecer de primeira man os procesos produtivos que se desenvolven nas empresas así como os avances tecnolóxicos que incorporan e as inquietudes de investigación e innovación. Deste xeito os docentes adquiren uns coñecementos máis exhaustivos da realidade empresarial que logo poden incorporar ás aulas.

A oferta deste ano estrutúrase en dúas modalidade principais, A e B, esta última con tres liñas. A modalidade A conta con 20 prazas, para o profesorado que desexe formarse en empresas ou institucións que se relacionan na propia convocatoria.

No caso da liña B-1, con 25 prazas, as estadías realizaranse en empresas situadas na Comunidade Autónoma de Galicia, propostas pola persoa interesada.

A liña B-2 consta de 15 prazas nas que o profesorado galego poderá levar a cabo a súa formación técnica en empresas propostas por el dentro do ámbito estatal ou países da Unión Europea.

Formación lingüística técnica

Ao abeiro da Estratexia galega de linguas estranxeiras (Edulingüe 2020), e co obxecto de mellorar a competencia lingüística técnica do profesorado e de favorecer as metodoloxías AICLE (Aprendizaxe Integrado de Contidos e Linguas Estranxeiras) na Formación Profesional, este ano incorpórase a liña B-3, dotada con 30 prazas. Nesta modalidade, os docentes que realicen estadías en países da Unión Europea combinarán un período formativo en empresa con formación lingüística nun dos idiomas oficiais do país onde se desenvolvan, favorecendo a mellora da competencia lingüística e comunicativa na linguaxe técnica específica da actividade produtiva relacionada con familia profesional na que imparta docencia o profesor ou profesora.

Con carácter xeral, poderanse realizar os períodos formativos en empresas ou institucións desde o 20 de maio ata o 6 de setembro de 2019.  A duración de cada estadía será como mínimo de 40 horas e como máximo de 160 horas.

A contía máxima que poida percibir o profesorado que realice unha estadía formativa será de 1.300 euros para as estadías de modalidade A e B-1, de 2.000 € para o caso das estadías da liña B-2 e de 3.000 € para a B-3.

O prazo para realizar a preinscrición remata o 8 de abril. A información da convocatoria pode consultarse na ligazón http://www.edu.xunta.gal/portal/node/27381.