As actividades de orientación vocacional da Fundación Princesa de Girona chegan ao IES Eduardo Pondal (Santiago de Compostela)

Mar, 26/03/2019 - 13:14

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, asistiu esta mañá á sesión de Premiados e escolas celebrada no compostelán IES Eduardo Pondal, unha actividade de orientación vocacional destinada a alumnado de 4º de ESO, 1º de Bacharelato e ciclos formativos de grao superior, organizada pola Fundación Princesa de Girona (FPdG).

A conselleira animou o alumnado a descubrir o seu talento, “un talento que iredes traballando para ser capaces de axudar a mellorar a sociedade na que vos toca vivir”, e salientou a necesidade de continuar estudando e formándose ao longo da vida. “Reiventarse vai ser preciso, non unha, senón tantas veces como sexa necesario”, dixo. Así mesmo, comprometeuse a que a Consellería seguirá axudando aos estudantes, servindo como guía e orientación para definir o seu futuro persoal e laboral, “que é o futuro da nosa sociedade”.

Nesta ocasión foi o emprendedor Sergio Álvarez Leiva (premio FPdG Empresa 2016) o encargado de dar a coñecer a súa experiencia a arredor de 80 alumnas e alumnos de 4º da ESO e 1º de Bacharelato de Ciencias. Nado en Madrid en 1985, o relator foi cofundador en 2009 do estudo de visualización de datos Vizzuality e, tres anos despois, creou a plataforma de localización intelixente CartoDB, que conta con máis de 150.000 usuarios. En 2014 foi escollido un dos 10 mozos Innovadores polo MIT Technology Review. Na actualidade é product/tech de @zara.com.