Galicia senta as bases da súa investigación universitaria no impulso e consolidación de persoal, agrupacións e centros singulares e na especialización dos campus

O secretario xeral de Universidades explicou no Parlamento que se está a traballar nunha Acreditación dos Campus
Estase a definir tamén o Plan de Captación e Retención de Talento Investigador
Xov, 21/03/2019 - 11:39

O secretario xeral de Universidades da consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, José Alberto Díez de Castro, explicou hoxe no Parlamento de Galicia que a Comunidade conta cun modelo de I+D+i universitario consolidado e axustado ás necesidades de Galicia. Os sistema baséase no impulso dunha selección do persoal docente e investigador e dunha carreira apoiada en criterios como o mérito, a excelencia e a internacionalización, así como na especialización dos Campus.

O secretario xeral explicou que o seu departamento traballa, de feito, nun procedemento de Acreditación dos Campus, etiqueta recoñecible a nivel nacional e que garante un estándar de calidade. “Cando se resolvan as seguinte fases deste proceso asinarase un convenio con cada universidade para cada Campus para a financiación dos programas que se aproben para o trienio 2019/21. Neste momento Galicia conta con 8 Campus con proxecto de especialización, incentivados pola Consellería con 15,7 millóns de euros.

No referido ao impulso do persoal e carreira investigadora, José Alberto Díez de Castro lembrou que o departamento educativo da Xunta está xa a traballar nun Plan de Captación e Retención de Talento Investigador a través de dúas modalidades, a de Investigador Sénior e a de Investigador Distinguido. Neste momento estase a definir a convocatoria da segunda modalidade, para a que está prevista a convocatoria dun máximo de 15 axudas con contratos dunha duración mínima de 4 anos. “Isto permitirá a atracción e incorporación de persoal de recoñecida traxectoria e a contratación e promoción de investigadores vinculados ás universidade na actualidade”.

O secretario xeral destacou a importancia, así mesmo, dos Centros de Investigación Singulares de Galicia, que contan cun programa de financiamento cunha dotación económica entre 2016 e 2021 de 30 millóns de euros. Lembrou, asemade, que neste momento, ademais dos devanditos 5 centros singulares (CITIC, CIQUS, CIMUS, CIMBIO e ECIMAT), o Sistema Universitario de Galicia conta con dúas agrupacións estratéxicas consolidadas (CITIUS e AtlantTIC), outras 7 en formación, unha unidade de excelencia María de Maetzu e 214 grupos de referencia competitiva e con potencial de crecemento.

Por outra parte, a Consellería mantén o seu apoio a case 500 mozas e mozos investigadores que contan cunha carreira formativa de ata 8 anos, grazas á blindaxe á I+D+i que facilita o Plan de Financiamento, que prevé un investimento directo neste eido de 220 millóns de euros no período 2016/19.

Suma de esforzos

O secretario xeral de Universidades fixo fincapé tamén na importancia da colaboración das tres universidades galegas para o impulso do modelo de investigación, así como con outra entidades como a Axencia Galega de Innovación (GAIN) ou a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS).

Neste sentido, fixo un chamamento a sumar esforzos para que “o noso sistema universitario sexa unha das principais referencias cando se fale de investigación en España, porque ese é o lugar que nos corresponde”.