Educación investirá medio millón de euros na segunda fase da ampliación do CEIP Ramón Otero Pedrayo (A Laracha)

A conselleira visitou hoxe as instalacións do colexio, que xa foron obxecto de mellora no ano 2015
O departamento educativo da Xunta ten previsto licitar as obras no primeiro semestre do ano
Lun, 25/02/2019 - 12:16

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, anunciou hoxe que o seu departamento vai licitar no primeiro semestre do ano a segunda fase das obras de ampliación do CEIP Ramón Otero Pedrayo, na localidade coruñesa da Laracha. Cun investimento de medio millón de euros, esta actuación completará a realizada no 2015 para dotar o centro de novas aulas.

O novo edificio contará con 3 aulas de infantil con aseos incorporados e cunha superficie total construída de 300 m². O módulo terá acceso desde o edificio construído na ampliación de 2015 a través dunha galería de paso con paramentos acristalados e máis cun espazo exterior de xogos cuberto. Ademais, contará con calefacción por chan radiante e con sistema de luminarias led de alta eficiencia enerxética. O prazo de execución da obra será de 6 meses pero, ao tratarse dun volume independente, poderá executarse durante o curso escolar sen trastorno para a comunidade educativa.

Tal e como explicou a conselleira, coa construción deste novo edificio a totalidade do alumnado de Infantil do centro contará cuns espazos máis confortables, accesibles e adaptados a este nivel de ensinanzas. No edificio antigo, dos anos 70, non dispoñían de aulas con aseo incorporado, entre outras comodidades.

Respecto da obra acometida na primeira fase, lembrou que consistiu na construción dun volume de 800 m² con 6 aulas de Infantil, unha sala de usos múltiples, dúas aulas de apoio e servizos comúns, así como cun espazo exterior de xogos con pavimento de caucho brando. A primeira fase supuxo un investimento de preto de 1 millón de euros.

Na súa visita ao centro a conselleira estivo acompañada polo alcalde da Laracha, José Manuel López Varela e polo xefe territorial da Consellería na Coruña, Indalecio Cabana.

Máis de 1,8 millóns en melloras educativas

A segunda fase da ampliación vai elevar o investimento da Consellería de Educación en melloras educativas do concello da Laracha a máis de 1,8 millóns de euros desde 2009.

O concello conta ademais cun centro incluído no proxecto de libro dixital E-Dixgal (o CEIP de Caión) e con dous no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (o CEIP de Caión e o CEIP Alfredo Brañas). Pola súa parte, o CEIP Ramón Otero Pedrayo participa no Plan Proxecta.