Educación dobra o número de centros que poderán participar no programa EduExchanges

Na primeira edición desta iniciativa de intercambio entre centros educativos da UE participaron 15 centros
Sáb, 16/02/2019 - 10:00

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional dobra este ano o número de centros que poderán participar no programa de intercambio de alumnado para centros públicos cos de outros países da Unión Europea EduExchanges. O obxectivo desta iniciativa é que o alumnado mellore as súas competencias en linguas estranxeiras nun contexto de convivencia diaria nunha contorna familiar.

A convocatoria está dirixida a alumnado que estea cursando 3º e 4º de ESO, e nela poden participar todos os centros de ensino públicos galegos que teñan desenvolvido algunha iniciativa deste tipo -ou teñan previsto facelo- entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño de 2019. O idioma de estudo obxecto do intercambio poder ser a primeira ou a segunda lingua estranxeira cursada polo alumno.

Este ano poderán participar no programa un total de 30 centros educativos (fronte aos 15 da primeira edición, desenvolvida o curso pasado) e 600 alumnas e alumnos. Cada centro poderá seleccionar un máximo de 20 alumnos e alumnas candidatos e recibirá unha axuda económica da Consellería que será destinada a sufragar os gastos derivados do intercambio. Os centros seleccionados recibirán unha achega máxima de 7.000 euros.

Os centros educativos deberán ocuparse de todos os aspectos organizativos relacionados co intercambio, incluída a planificación das actividades educativas e extraescolares que consideren, baixo a supervisión dun docente que exercerá de coordinador.

Pola súa banda, as familias do alumnado participante no proxecto comprométense a recibir na súa casa a un alumno doutro país e a responsabilizarse do seu aloxamento e manutención.

Esta iniciativa está enmarcada na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras 2020, Edulingüe, para o fomento e a mellora do plurilingüismo no ensino non universitario, e pretende fomentar a mobilidade entre o alumnado co fin de mellorar a súa competencia lingüística en linguas estranxeiras.