Carmen Pomar sinala a educación como unha tarefa de sociedade na que é necesario aproveitar todos os talentos e capacidades

A titular de Educación, Universidade e Formación Profesional participou hoxe no Fórum Europa. Tribuna Galicia
Para a conselleira, a atención á diversidade e a orientación son fundamentais para guiar aos estudantes a través do proceso de aprendizaxe ao longo da súa vida
A FP e a universidade deben contribuír á transferencia de coñecemento á sociedade mediante a investigación e a innovación, apuntou
Ven, 15/02/2019 - 11:14

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, definiu hoxe no Fórum Europa. Tribuna Galicia a educación como un proceso ao longo da vida do ser humano no que é necesario aproveitar todas as capacidades e talentos, así como estar aberto ás diferentes opcións e mesmo á posibilidade de reinvención. Para acadar o obxectivo de cambiar a sociedade a través de educación, sinalou a necesidade de incidir na atención á diversidade e na orientación, así como na adaptación das ensinanzas á realidade social e do tecido produtivo, de tal forma que se acaden mellores niveis de empregabilidade e unha maior transferencia de coñecemento.

A titular do departamento educativo da Xunta de Galicia destacou, asemade, a corresponsabilidade de toda a sociedade na formación dos máis novos, “que está en risco nunha sociedade cada vez máis individualista”. “Familia e centros son os principais axentes educativos, pero non podemos esquecer o papel da comunidade”, dixo.

Inclusión e orientación

Carmen Pomar incidiu no labor que se está a facer en Galicia para construír unha escola inclusiva, que “recoñece a diferenza como virtude e a diversidade como capacidade”, que detecta e favorece as singularidades de cada estudante. “Ao recoñecer esta diversidade estamos dando cabida a todos os talentos, permitindo que ninguén quede no camiño”, afirmou.

Neste sentido explicou que é a escola a que debe axudar a descubrir, canalizar e potenciar ese talento individual, para o que o sistema educativo galego conta con ferramentas como o Decreto de Atención á Diversidade e diferentes protocolos que contribúen ao seu desenvolvemento. Así mesmo a Consellería está a deseñar un plan para a dinamización da orientación vocacional e profesional enfocado ao desenvolvemento persoas de cada estudante e que parte “do convencemento de que a orientación é inherente á propia educación, xa que contribúe á formación integral do alumnado, con independencia das súas capacidades ou necesidades”.

Por outra banda, acábase de crear o Servizo de Inclusión e Orientación Educativa, centrado nas medidas para o fomento da equidade e a inclusión, a igualdade de xénero, as necesidades específicas de atención educativa, a atención e o impulso das altas capacidades intelectuais, así como o asesoramento ás familias e a coordinación de todos os axentes da comunidade educativa.

Formación Profesional

A orientación é unha das ferramentas fundamentais para que o alumnado se decida por FP ou Universidade. “Calquera das dúas vías –dixo a conselleira– pode conducir a un desenvolvemento laboral satisfactorio. Unha das dúas ou as dúas porque, se as circunstancias cambian, poderán retomar estudos e continuar formándose”.

Carmen Pomar quixo destacar o aumento do prestixio da FP desde 2009, o que redundou nun aumento do número de matriculacións e nunha mellora considerable da inserción laboral dos seus titulados. Aínda así, incidiu na necesidade de seguir traballando da man das empresas e do tecido social e produtivo para seguir mellorando a oferta educativa a través da innovación, a investigación e o emprendemento.

Así mesmo explicou que desde a Consellería se quere fomentar a internacionalización da FP a través da introdución dun módulo profesional en inglés técnico de ámbito autonómico que se implantará o vindeiro curso en todos os ciclos de nova titulación, así como da extensión a todos os ciclos da realización de actividades complementarias en inglés.

Ademais, lembrou que a creación do Centro Galego da Innovación da FP, en Ourense, coa misión de impulsar proxectos de innovación aplicada, novas contornas virtuais de simulación e a xeración de proxectos empresariais, contribuirá a crear sinerxías co sector produtivo e á transferencia de coñecemento dos centros educativos á industria.

Universidade

A transferencia de coñecemento á sociedade é tamén unha tarefa fundamental da universidade do século XXI. “Aínda queda moito traballo por diante –sinalou Pomar–, pero o modelo de universidade galega é xa pioneiro e referente en España”.

A este respecto a conselleira lembrou o compromiso do seu departamento co Sistema Universitario de Galicia (SUG) “e coa súa función catalizadora do tecido produtivo galego”, camiño no que xa se ten avanzado a través, por exemplo, da especialización dos campus. Non en balde, ademais dos dous campus de excelencia internacional (Campus Vida e Campus do Mar), xa están en fase avanzada de desenvolvemento os campus Auga (Ourense), Terra (Lugo) e Industrial (Ferrol) e continúase por este camiño cos campus da Cidadanía (Santiago), Innova e Campus da Sustentabilidade (A Coruña), Vigo Tecnolóxico (Vigo) e Crea (Pontevedra).

En calquera caso Pomar quixo destacar como a aposta máis firme da Consellería neste eido a do reforzo da investigación universitaria. “Conscientes de que o talento atrae talento, estamos preparando un Plan de Captación e Retención de Talento Investigador que prevé financiamento autonómico para a contratación por parte das universidades de máis persoal investigador”. O plan terá dúas modalidades, a de investigador Distinguido e a de investigador Sénior, e lanzarase no primeiro semestre deste ano. Deste xeito crearase un entorno favorable á investigación excelente “que atraerá e recuperará talento en beneficio da nosa sociedade”.

A conselleira rematou a súa intervención facendo fincapé na tarefa conxunta de toda a sociedade de contribuír á educación dos cidadáns de Galicia do século XXI. Un camiño que é a base das sociedades máis libres, equitativas, solidarias e tolerantes e no que “non podemos permitirnos o luxo de deixar a ninguén detrás”.