Carmen Pomar celebra co alumnado do CEIP Plurilingüe Pepe de Xan Baña (Santa Comba) o Día Mundial da Radio

A conselleira salientou a implicación do alumnado e profesorado deste centro por converter a súa biblioteca escolar nun espazo activo de aprendizaxe e un piar esencial no desenvolvemento do seu proxecto educativo
Mér, 13/02/2019 - 13:22

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou esta mañá o CEIP Plurilingüe Pepe de Xan Baña, en Santa Comba, onde se levaron a cabo actividades específicas con motivo da celebración do Día Mundial da Radio, e onde os propios alumnos exerceron de guía para a conselleira, que visitou as aulas, a biblioteca e o espazo de radio.

O CEIP Plurilingüe Pepe de Xan Baña é un dos 50 centros de toda Galicia que contan cun laboratorio de radio na súa biblioteca escolar a través do programa Radio na Biblio impulsado pola Consellería de Educación. O centro sumouse a esta iniciativa que arrancou como experiencia piloto no curso 2017/18 e que agora se afianza neste curso.

A conselleira Carmen Pomar salientou a importancia deste programa que sitúa as bibliotecas escolares como espazos clave de aprendizaxe e mellora das competencias lectoras, lingüísticas e comunicacionais dos rapaces, ao tempo que axudan tamén a fomentar o traballo en equipo.

Nesta liña, subliñou a implicación do conxunto da comunidade educativa deste centro -tanto do profesorado coma do alumnado e incluso das propias familias- por facer da súa biblioteca escolar un piar esencial do seu proxecto educativo; e que tamén é un referente formativo para o resto dos docentes, xa que colabora coa rede de formación do profesorado no ámbito das bibliotecas escolares, traballo por proxectos e biblioteca creativa.

O Pepe de Xan Baña foi un dos centros pioneiros en sumarse ás distintas iniciativas no eido das bibliotecas impulsadas pola Consellería de Educación. De feito, foi dos primeiros incluídos no Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares (PLAMBE), no que leva integrado desde hai case tres lustros, así coma na acción Biblioteca Creativa (desde a primeira convocatoria no curso 2015-16), no Radio na Biblio xa mencionado,  e no “Escornabots na biblioteca escolar”, para a introdución dos robots e da linguaxe de programación desde as propias bibliotecas.

Froito deste traballo e dedicación, acaparou os premios das últimas tres edicións dos “Traballos por proxectos”, uns galardóns cos que cada ano a Consellería busca recoñecer e estimular o deseño e desenvolvemento de iniciativas interdisciplinarias ou de investigación nos espazos das bibliotecas escolares.

Radio Fuco

Unha das actividades máis salientables do centro é a súa emisora Radio Fuco, á que hoxe foi convidada a conselleira, que foi entrevistada polos alumnos do centro. Radio Fuco creouse precisamente ao abeiro da iniciativa Radio na Biblio e hoxe é un espazo afianzado con programación específica sobre recomendacións lectoras, produción e dramatización de contos, espazos divulgativos sobre a contorna do propio centro, e unha sección dedicada a poesía e violíns, entre outros.