Carmen Pomar destaca o traballo das mulleres científicas como exemplo para espertar as vocacións entre as nenas e mozas

A Xunta destinou desde 2009 arredor de 500 millóns de euros á I+D+i universitaria, o que converte ás tres Universidades galegas no maior axente de investigación da nosa comunidade

Galicia está no grupo das seis CCAA que máis invisten en I+D en ensino superior tanto en gasto total coma de persoal

Lun, 11/02/2019 - 13:05
Carmen Pomar destaca o traballo das mulleres científicas como exemplo para espertar as vocacións entre as nenas e mozas

A conselleira de Educación, Universidade e Formación, Carmen Pomar, mantivo hoxe unha reunión de traballo cun grupo de investigadoras galegas para afondar na sobre a situación da ciencia e o labor que exercer as mulleres científicas.

Co gallo do día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, Carmen Pomar salientou a importancia de aproveitar este tipo de efemérides para visualizar o traballo diario que levan a cabo as mulleres investigadoras, que cada vez xogan un papel máis relevante no eido profesional e universitario, integradas -e tamén liderando- equipos científicos de referencia.

Segundo a conselleira, para acadar con éxito este estadio máis alto na investigación e rachar cos teitos de cristal que a día de hoxe existen, é imprescindible impulsar e promover a formación e a preparación desde as idades máis temperás. A este reto responde a estratexia Edudixital 2020, que ten en marcha a Consellería de Educación co fin de impulsar as competencias STEM e o pensamento científico entre os escolares e, cun especial fincapé en rachar coa fenda de xénero neste campo.

A modo de exemplo, un total de 15 centros educativos implantaron por primeira vez en Galicia o Bacharelato de Excelencia en ciencias e tecnoloxía, STEMBach, onde o número de mozos e mozas matriculados é practicamente o mesmo. Polo tanto, a aposta pola formación a idades temperás é a chave para que as estudantes de ciencias de hoxe sexan as investigadoras do futuro, tal e como sinalou a conselleira.

Tamén aludiu á existencia duns premios específicos destinados á muller científica, os María Josefa Wonenburguer Planells, (que outorga a Xunta), e lembrou que a Consellería de Educación este mesmo ano vai lanzar un Plan de Captación e Retención do Talento Investigador para garantir a continuidade de carreiras científicas xa consolidadas.

Así mesmo, nas  convocatorias de axudas, a Consellería ten en consideración o liderado das mulleres nas propostas presentadas, co fin de contribuír a reducir o desequilibrio entre mulleres e homes dedicados á investigación no sistema galego de I+D+i.

Cómpre lembrar que a Xunta leva mobilizados arredor de 500 millóns de euros desde o ano 2009 en apoio á I+D+i nas universidades, que a día de hoxe son o maior axente investigador da nosa comunidade, tanto a nivel cuantitativo como cualitativo.

Ademais, segundo o último informe do Ministerio de Educación, Galicia sitúase no grupo das seis CCAA que máis invisten en I+D no ensino superior tanto no que se refire a gasto interno total como en gasto de persoal.

A xuntanza tivo lugar no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC, e nela participaron Victoria Otero, vicerreitora de Titulacións da USC; María José Alonso Fernández, catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC; Dolores Pérez Meirás, directora adxunta do Centro Singular de Investigación en Química Bioloxíca e Materiais Moleculares, CiQUS; Elena Vázquez Cendón, decana da facultade de Matemáticas; Carmen Fernández Morante, decana da facultade de Educación, María Giménez López, investigadora ERC-Starting Grant do CiQUS e Mercedes Brea, catedrática de Filoloxía Románica da USC.

O Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia foi proclamado en 2015 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas co obxectivo de lograr o acceso e a participación plena e equitativa das mulleres e das nenas na ciencia.