Carmen Pomar visita en Lugo as instalacións do Cebiovet e do Hospital Veterinario Universitario Rof Codina

A Xunta de Galicia investiu máis de 4 millóns de euros na construción e remodelación destes centros, referente de docencia e investigación no eido da produción e sanidade animal a nivel europeo

O financiamento captado polos investigadores do Campus de Lugo medrou en tres anos en máis dun 80%

A conselleira de Educación asistiu tamén á presentación da agrupación estratéxica BioReDes

Mar, 15/01/2019 - 14:11
Carmen Pomar visita en Lugo as instalacións do Cebiovet e do Hospital Veterinario Universitario Rof Codina

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou hoxe en Lugo as instalacións do Hospital Veterinario Universitario Rof Codina e do Centro de Biomedicina e Veterinaria (Cebiovet). Pomar destacou estes centros, xunto coa Facultade de Veterinaria, como referente da docencia, investigación e transferencia de coñecemento no ámbito da produción e sanidade animal en España e en Europa.

Estes dous equipamentos permiten formar un complexo docente, asistencial e investigador totalmente inserido dentro da liñas estratéxicas do Campus Terra. O proxecto de especialización intelixente do Campus de Lugo pretende transformalo nun referente científico e social nos ámbitos de coñecemento vinculados á sustentabilidade económica, social e medioambiental do uso da terra.

A conselleira lembrou que o seu departamento investiu máis de 4 millóns de euros na construción do Cebiovet e na remodelación do HVU Rof Codina. Estas melloras deron resposta á especialización do profesorado, que precisaba equipamento e instalacións renovadas para acadar os estándares de calidade esixibles actualmente na normativa de benestar animal.

Neste sentido Carmen Pomar explicou que o investimento realizado pola Consellería na mellora do complexo veterinario desde o ano 2015 está a dar xa os seus froitos. Non en balde, en só tres anos o financiamento captado polos investigadores do Campus de Lugo medrou en máis dun 80%, acadando a cifra récord de máis de 8,2 millóns de euros no 2018. Un 40% dos mesmos foron obtidos en convocatorias internacionais.

Na súa visita a conselleira estivo acompañada polo director xerente da Fundación Rof Codina, Luis Felipe de La Cruz; e polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro.

Presentación de BioReDes

A conselleira asistiu tamén esta mañá, xunto co reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, á presentación da agrupación estratéxica en Xestión e Produción Sostible de Biorrecursos (BioReDeS), enmarcada no Campus Terra, que a maiores de na produción e sanidade animal está centrado na ordenación do territorio, na agricultura, na xestión forestal ou na seguridade alimentaria. Moi vinculada co CEBIOVET e o HVU Rof Codina, a agrupación ten entre as súas áreas de investigación a produción e saúde animal sostible, a produción vexetal e agricultura sostible, a alimentación segura e a xestión forestal sostible.

Na súa intervención a conselleira explicou que a relación directa entre as estruturas de investigación de referencia –como as agrupacións estratéxicas– e o avance científico da sociedade na que se insiren representan a madurez do sistema de investigación universitario galego. Neste sentido destacou que os piares sobre os que se asenta a universidade do futuro son a cooperación, a innovación e a internacionalización, “piares que constitúen unha proposta común para lograr unha universidade de excelencia que, ademais de xerar coñecemento, se converta en axente chave para o progreso, a competitividade e o avance da sociedade”.

Coordinada por Paulino Martínez Portela, BioReDes foi acreditada a finais de 2018 ao abeiro da resolución pola que se conceden axudas para a mellora, creación, recoñecemento e estruturación de agrupacións estratéxicas do Sistema Universitario de Galicia (SUG). A Consellería de Educación concedeulle unha axuda de 405.759 euros.

Con este financiamento, os 16 grupos que a compoñen poderán desenvolver o seu obxectivo de abordar, desde unha perspectiva sistémica e adaptada ás particularidades da contorna galega, os problemas e retos asociados á produción e xestión dos biorrecursos que están a demandar as axendas científicas e sociais sobre o sector primario e o seu entorno social e produtivo. A acreditación de BioReDes amplía as oportunidades de colaboración real do Campus Terra, tanto co sector produtivo de Lugo, como con outros centros de investigación relacionados con estas áreas en toda Galicia.