Carmen Pomar visita os centros de investigación da UVigo, nos que a Xunta inviste 12,5 M€

A conselleira aposta por un modelo científico galego competitivo no eido internacional, para o cal hai que potenciar a excelencia, a especialización e o aproveitamento de sinerxías entre grupos
Mar, 08/01/2019 - 11:11

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, desprazouse esta mañá ata Vigo para coñecer de primeira man o traballo que están a desenvolver os centros de investigación dependentes da Universidade de Vigo, e que o departamento educativo da Xunta financia con 12,5 millóns de euros.

A conselleira, acompañada do reitor da UVigo, Manuel Reigosa, e do delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, visitou o Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO), a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT) e a Agrupación Estratéxica Consolidada AtlanTIC, onde actualmente están operativos 38 grupos de investigación que aglutinan a preto de 600 científicos.

Carmen Pomar destacou o alto nivel de estudo e investigación que se leva a cabo nestes centros punteiros no seu eido de acción, como proban os máis de 16 millóns de euros de media anual que captan para proxectos de investigación, as solicitudes de patentes que xeran, a creación de spin-off, e a publicación de artigos científicos en revistas internacionais.

A conselleira de Educación recalcou a aposta por establecer un modelo de centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia que se caracterice por unha estratexia definida, pola excelencia investigadora, a especialización, a internacionalización e o aproveitamento de sinerxías entre grupos; co obxectivo último de consolidar estruturas competitivas na escena científica internacional.

De feito Galicia é a única Comunidade Autónoma do Estado que conta cunha liña de financiamento estable a grupos de investigación co obxectivo de despuntar en ámbitos de referencia investigadora.

Así mesmo, no compromiso da busca da excelencia, recentemente vén de constituírse a Comisión Asesora do Programa de Centros de Investigación Singulares e Agrupacións Estratéxicas do Sistema Universitario de Galicia (SUG), impulsado pola Xunta de Galicia. Este órgano está formado por científicos de recoñecido prestixio a nivel nacional e internacional, que se encargarán de asesorar sobre metodoloxías e prácticas de avaliación científica e técnica, así como de aconsellar sobre o seguimento, resultados e impacto das actuacións do mencionado Programa de apoio á investigación, co fin de incorporar estándares internacionais.

Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO)

Dirixido por África González, o CINBIO é un centro multidisciplinar creado en 2010, dedicado á investigación biomédica e que aglutina a 214 científicos. Actualmente ten operativos dez grupos de investigación centrados en catro liñas que son as Bases moleculares das patoloxías, novas técnicas de diagnóstico, novas ferramentas terapéuticas e de prevención, e Bioestatística e modelización.

É un dos dous Centros Singulares de Investigación da UVigo (o outro é o ECIMAT), e dos cinco de toda Galicia, que representan as estruturas máis excelentes do sistema científico galego.

Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT)

Creado en 2016, a ECIMAT presta infraestrutura científica de referencia tanto a entidades públicas como privadas. Nel traballan 15 grupos e 170 investigadores, organizados en catro unidades, que son Recursos biolóxicos e cultivos mariños, Medio Mariño, Calidade ambiental e Oceanografía.

AtlanTIC, Research Center for Information and Communication Technologies

AtlanTIC é unha Agrupación Estratéxica Consolidada centrada na investigación científica en áreas relacionadas coas TIC como son as comunicacións dixitais, as redes sen fíos, as comunicacións por satélite, a teledetección, ou a visión por ordenador e procesado de imaxes entre outras.

Neste centro traballa un equipo de 214 profesionais organizados en 13 grupos de investigación.

MTI

No seu percorrido a conselleira achegouse tamén ao Centro de Investigación Tecnolóxico Industrial, no Edificio MTI. Trátase dun centro de apoio á investigación da Universidade de Vigo cuxo equipamento e adecuación foi financiado con 600.000 euros pola Consellería a través dun convenio coa universidade viguesa.

As modernas instalacións do MTI, con talleres dotados coa última tecnoloxía, permiten incrementar a operatividade e a interactividade dos grupos, así como propiciar a creación de novas oportunidades de colaboración entre os diferentes grupos de investigación, o que fai posible levar a cabo proxectos multidisciplinares