Preto de 138.000 alumnos participan este curso nas actividades do Plan Proxecta

Educación vén de resolver a convocatoria, que este ano implica 542 centros de ensino, un 5,24 % máis que o curso pasado
O obxectivo é avanzar no desenvolvemento da innovación educativa a través do traballo por proxectos vinculado a áreas como a saúde, a alimentación, a actividade física, a ciencia e a tecnoloxía ou a convivencia, entre outros moitos
Sáb, 01/12/2018 - 12:00

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de resolver a convocatoria do Plan Proxecta para o presente curso 2018/19, no que preto de 138.000 alumnos (case un 12% máis ca no curso anterior) se implicarán nalgún dos 43 programas diferentes que compoñen esta iniciativa. En total participan no Proxecta 542 centros de ensino (un 5,24% máis), que desenvolverán 1039 proxectos distintos coa colaboración de arredor de 8000 docentes.

Por provincias, 177 centros de ensino coruñeses desenvolverán 337 proxectos, e 73 centros lucenses realizarán 162. En Ourense o número de centros participantes é de 80, que desenvolverán 167 proxectos; mentres que en Pontevedra están implicados 212 centros, cun total de 373 iniciativas. A relación de colexios que desenvolven cada programa pode consultarse no portal web da Consellería, no enderezo electrónico http://www.edu.xunta.gal/portal/node/26562 .

Por número de centros participantes, os programas máis exitosos son ‘PDC (proxecto deportivo de centro. Centros activos e saudables)’, con 247 centros participantes; ‘Aliméntate ben’, con 164;  “Donas de si”, “Proxecto Terra”, “Meteoescolas” e “Proxecto Ríos” con 48, 45, 43 e 41 centros respectivamente implicados cada un deles;  seguido de “Por 365 días de respecto e igualdade” con 32 centros acollidos. Pode obterse información sobre os 43 programas no portal educativo, no enlace http://www.edu.xunta.gal/portal/planproxecta.

No curso 2017/18 participaron no Plan Proxecta 515 centros de ensino, preto de 123.000 alumnos e 5.500 profesores.

Programas ofertados

O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais, nos cales se inclúe a educación en valores.

Neste curso ofertáronse un total de 43 programas diferentes, relacionados cos ámbitos da saúde, a alimentación, a actividade física, a ciencia e a tecnoloxía, a lingua, o patrimonio, a solidariedade, o medio ambiente, o desenvolvemento sustentable, a igualdade, o consumo responsable, o voluntariado, a interculturalidade, a convivencia, a educación emocional, o audiovisual, a normalización lingüística, os dereitos da infancia ou a mobilidade, entre outros.

Todos os programas xa estaban en funcionamento o curso pasado, engadíndose en tres deles novas modalidades. Así, PDC incorpora a modalidade “Milla diaria”, Galicons-net unha referida a “Etiquetaxe dos bens e produtos” e o programa de Educación Patrimonial suma unha actuación sobre “Terras Sacras (mosteiro e olería)”.

O feito de acoller a devandita variedade de programas baixo o Plan Proxecta establece un marco xeral de colaboración para traballar neste eido dun xeito estruturado, de tal forma que se contribúe a fixar uns criterios metodolóxicos e organizativos comúns, a establecer pautas compartidas en relación ao recoñecemento do traballos do profesorado nestes proxectos e a ofrecerlles aos centros e aos docentes a posibilidade de incluír dentro da súa planificación anual e programacións a participación neste tipo de iniciativas.

O obxectivo último deste plan é avanzar nas dinámicas de mellora da calidade educativa e favorecer a innovación nos propios centros a través de programas externos que leven á motivación e ao traballo activo, cooperativo e en rede, do alumnado e do profesorado implicado. Para iso, un dos principais obxectivos destes plan é promover a realización de proxectos interdisciplinarios que poidan servir de modelo de traballo ou de boa práctica, tanto para o propio centro en que se orixinan como para o resto da comunidade educativa galega.