A conselleira de Educación destaca a figura de Luís Castedo, mestre de varias xeracións de químicos

A Universidade de Santiago de Compostela homenaxea ao profesor cun seminario especializado
Ven, 30/11/2018 - 10:25

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou hoxe na homenaxe ao químico Luís Castedo polo seu 80 aniversario, que se celebra a través do seminario Prospects in Chemical Sciences II. A titular do departamento educativo da Xunta de Galicia destacou a figura deste ortigueirés, que se converteu en “mestre de varias xeracións de químicos formados nas universidades galegas, que hoxe ostentan destacados postos no noso país e no estranxeiro”.

Ao tempo, lembrou, o químico colaborou en varios centos de publicacións científicas, dirixiu máis de 70 teses doutorais e foi director xeral de Universidades e Política Científica da Xunta, “cando tivo un destacado papel na Lei de Ordenación do Sistema Universitario de Galicia (LOSUGA)”. A súa brillante traxectoria profesional, que lle valeu recoñecementos como o Premio Galicia de Investigación (2003) “e a súa indiscutible calidade humana conformaron o home ao que recoñecemos hoxe aquí, no seu 80 aniversario, cunha xornada que mestura a química, a política e a amizade, seguindo con ela o exemplo da súa vida”, sinalou Carmen Pomar.

Prospects in Chemical Sciences II reúne hoxe na Universidade de Santiago de Compostela a prestixiosos expertos no eido da Química, como o premio Nobel de Química Jean-Pierre Sauvage e os profesores Chris Abell (Universidade de Cambridge), Cristina Nevado (Universidade de Zurich), Maurizio Prato (Universidade de Trieste e Centro de Investigación Cooperativa en Biomateriais CIC biomaGUNE), Eric Jacobsen (Universidade de Harvard), Esther Domínguez (Universidade do País Vasco), Carlos Pajares (Universidade de Santiago de Compostela) e Alfredo Pérez Rubalcaba (Universidade Complutense de Madrid). Na inauguración da xornada, ademais da conselleira, participaron o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz; a decana da Facultade de Química, Mª Pilar Bermejo Berrera; o presidente da Real Sociedad Española de Química, Antonio M. Echavarren Pablos; e o director científico do CIQUS, José Luis Mascareñas Cid.