Carmen Pomar felicita á comunidade educativa dos Estudos de Economía polo seu medio século de historia

Mér, 28/11/2018 - 15:24

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou esta mañá na conmemoración do 50 Aniversario dos Estudos de Economía en Galicia, un acto que se celebrou na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela.

Na súa intervención, a conselleira quixo salientar a importancia destes estudos no desenvolvemento e a configuración dun país e felicitar a comunidade educativa que fixo posible a evolución destas ensinanzas para adaptarse aos cambios sociais e económicos que o novo século trouxo consigo. “Durante este medio século de existencia saíron varias xeracións de egresados –dixo–, estudantes convertidos en profesionais capaces e de prestixio, grazas a un profesorado comprometido e excelente”.

O acto de hoxe pecha o calendario de actividades de conmemoración do 50 aniversario destes estudos. Ao longo da mañá presentouse o Catálogo de Obras de Arte da Facultade e o número extraordinario da Revista Galega de Economía, que conmemora esta data. Ademais, desenvolveuse unha mesa redonda arredor do tratamento da información económica galega na prensa nesta últimas cinco décadas, que se completou coa inauguración no recibidor da facultade da exposición 50 anos de Economía Galega na Prensa.