Carmen Pomar comproba o resultado das obras de eficiencia enerxética no CPI do Feal (Narón)

O seu departamento investiu máis de 655.000 euros nesta mellora
A conselleira visitou tamén o CEIP Recimil
Mar, 13/11/2018 - 13:34

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, comprobou esta mañá o resultado das obras de eficiencia enerxética realizadas no CPI do Feal, en Narón, nas que o seu departamento investiu máis de 655.000 euros. Tal e como explicou nesta visita, o obxectivo da obra foi, ademais de mellorar as instalacións do centro, acadar un aforro enerxético, contribuíndo a un modelo de desenvolvemento sostible e á concienciación e sensibilización dos máis pequenos na importancia do coidado do medio ambiente. Ademais, a participación de arquitectos novos na elaboración dos proxectos supuxo unha oportunidade de emprego para a mocidade. No seu percorrido polo CPI a conselleira estivo acompañada polo delegado da Xunta na provincia, Ovidio Rodeiro; e polo xefe territorial da Consellería na Coruña, Indalecio Cabana.

A intervención consistiu na rehabilitación, construtiva e enerxética, para o que se aplicou un sistema de illamento térmico polo exterior (SATE) e se tapiaron parte dos ocos de fiestras nos corredores de distribución das aulas, favorecendo así un maior aproveitamento do espazo interior, unha iluminación máis uniforme  e un mellor comportamento enerxético da edificación. Ademais retirouse o fibrocemento e renovouse a cuberta con dobre chapa con illante intermedio (panel sándwich).

No que atinxe ás carpinterías exteriores, substituíronse por unhas novas de aluminio con rotura de ponte térmica e acristalamento dobre con cámara de aire e tratamento de baixa emisividade, así como se mudaron as persianas por unhas novas de lamas de aluminio inxectadas con espuma de poliuretano para a mellora do seu illamento térmico. Así mesmo, renováronse as luminarias das aulas por unhas novas de maior eficiencia enerxética e pintáronse de novo os paramentos.

Carmen Pomar aproveitou tamén a súa visita ao centro para interesarse polo funcionamento das diferentes iniciativas que desenvolve, tales como o Plan Proxecta, as seccións bilingües ou os Contratos-Programa.

CEIP Recimil

No marco da rolda de visitas que Carmen Pomar está a realizar para coñecer de primeira man as necesidades das diferentes comunidades educativas e o funcionamento dos programas que o seu departamento impulsa, a conselleira visitou tamén esta mañá o CEIP Recimil, en Ferrol.

A titular de Educación quixo salientar a especial implicación do profesorado deste centro no desenvolvemento de iniciativas dirixidas á motivación do alumnado e á consecución do éxito escolar. Non en balde, o centro participa en varias liñas dos Contratos-Programa, desenvolve un programa de Titoría entre Iguais e participa en diferentes iniciativas no eido da robótica, como o programa FIRST LEGO League ou proxectos coordinados polo CIFP Ferrolterra (O Hospital da Robótica). Ademais, o centro conta con libro dixital a través do programa E-Dixgal e a súa biblioteca escolar forma parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE).