Aberto o prazo para que os centros escolares se acollan aos contratos-programa de mellora educativa impulsados pola Xunta

Os centros docentes poderán presentar as súas solicitudes para este curso ata o 30 de novembro
Un total de 140.000 alumnos de 473 centros beneficiáronse o curso pasado desta iniciativa que ten como obxectivo avanzar na calidade e na excelencia
Dom, 11/11/2018 - 12:00

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de abrir o prazo para que os centros docentes públicos soliciten desenvolver contratos-programa (plan de mellora en función das necesidades detectadas no centro) durante o curso escolar 2018/19 co obxectivo de promover a excelencia educativa e loitar contra o abandono escolar.

A finalidade última desta iniciativa é lograr unha educación de calidade para todo o alumnado, desenvolvendo o máximo posible as súas potencialidades a través de plans específicos deseñados polos equipos de cada centro de ensino.

Así, a través de sete liñas de traballo concretas ás que poderán acollerse os centros, incídese en ámbitos de actuación como a identificación de dificultades de aprendizaxe e articulación de respostas axeitadas, o fomento dun bo clima na aula e no centro que favoreza o proceso de ensino e aprendizaxe, a atención educativa aos colectivos vulnerables, a adquisición de competencias clave, o fomento da igualdade e a coeducación, a participación das familias ou a mellora da xestión dos centros, entre outros.

Os destinatarios dos contratos-programa son Colexios Rurais Agrupados (CRA), as Escolas de Educación Infantil (EEI), os Centros de Educación Infantil e Primaria (CEIP), os Centros de Educación Primaria (CEP), os Centros de Educación Especial (CEE), os Institutos de Educación Secundaria (IES), os Centros Públicos Integrados (CPI), os Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) e os Centros públicos de educación e promoción de adultos (EPAPU).

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de novembro. Os requirimentos poden consultarse no seguinte enlace https://www.edu.xunta.gal/portal/node/26396. A convocatoria deste curso 2018/19 contempla 7 liñas de actuación.

Reforzo, orientación e apoio (PROA)

Con esta actuación preténdese mellorar as perspectivas escolares do alumnado con dificultades, a través do traballo ou apoio organizado para a adquisición das destrezas básicas que lle faciliten a incorporación plena ao ritmo de traballo ordinario e ás esixencias das diferentes áreas e materias.

Mellora das competencias clave

Coa finalidade de priorizar as accións para a mellora da competencia matemática, o desenvolvemento desta actuación incluirá sempre o reforzo desta competencia, podendo incluír tamén actuacións para a mellora da competencia en comunicación lingüística e/ou competencias básicas en ciencia e tecnoloxía.

Convivencia e promoción da igualdade nos centros

Esta actuación incluirá todas aquelas accións que repercutan e interveñan na mellora do clima escolar e das relacións entre os membros da comunidade educativa. Farase fincapé en aspectos relevantes tales como a atención á diversidade, as actuacións preventivas de condutas violentas ou discriminatorias, as actuacións de acollida, a mellora das habilidades sociais, a conciliación ou mediación escolar, a xestión de conflitos, o rexistro de condutas contrarias á convivencia, a mellora da intelixencia emocional, o desenvolvemento de dinámicas de grupo e traballo colaborativo, o traballo en coeducación e o impulso de escolas de nais e pais, entre outros.

Prevención do abandono temperán

Esta liña de actuación refírese a aquelas accións que repercutan e interveñan na mellora do clima escolar e das relacións entre os membros da comunidade educativa, así como na redución da taxa de abandono escolar e dos niveis de absentismo.

Excelencia e calidade de xestión dos centros

A quinta liña está orientada a mellorar o nivel de coñecementos do alumnado para acadar a excelencia. Trátase dunha medida de atención á diversidade na que se desenvolverán iniciativas de afondamento nos coñecementos do alumnado.

Pola súa banda, a sexta liña está conformada por un conxunto de medidas ou actividades destinadas a mellorar a xestión dos centros educativos a partir da reflexión e a toma de decisións baseadas na avaliación dos procedementos que se desenvolven neles.

Máis reforzo fóra do horario lectivo

Trátase dunha liña de reforzo de competencias clave en 3º e 4º de ESO e FP Básica como modalidade de acompañamento fóra do horario lectivo que se introduciu por primeira vez o pasado curso. O desenvolvemento desta actuación supón a creación de grupos de reforzo da competencia matemática, da competencia en comunicación lingüística e/ou das competencias básicas en ciencia e tecnoloxía. En todo caso, priorizarase a competencia matemática.

Balance curso 2017/18

No pasado curso beneficiáronse desta iniciativa preto de 140.000 alumnos de 473 centros escolares, que desenvolveron un total de 1.251 iniciativas diferentes das liñas establecidas.

A Consellería destinou a estes contratos-programa un total de 4.259.840 €, o que permitiu a contratación de 233 docentes externos de apoio adicionais para o desenvolvemento das liñas 1 (de Reforzo, orientación e apoio, coñecida como ‘PROA’) e 7 (Reforzo das competencias clave en 3º e 4º de ESO e FP Básica) de nova incorporación o curso pasado. Contando este profesorado de apoio adicional e o implicado nos propios centros, participaron nos contratos-programa do curso 2017/18 un total de 11.712 docentes, un 40% máis ca no anterior 2016/17.