Carmen Pomar subliña que a mellora da formación docente é clave para avanzar na excelencia do sistema educativo

A conselleira de Educación participou nunha xornada formativa que congregou en Santiago a uns 600 docentes en prácticas
Sáb, 10/11/2018 - 12:00

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, reafirmou o compromiso do seu departamento coa formación do profesorado como un dos elementos chave para avanzar nun sistema educativo de máis calidade. Así o sinalou no acto de benvida aos preto de 600 docentes en prácticas que participan en Santiago nunha xornada de formación específica organizada pola Consellería na que se abordan temáticas variadas como os distintos programas e protocolos educativos, a protección de datos e cuestións relacionadas co procedemento administrativo, entre outros.

Carmen Pomar reiterou que a formación dos docentes “é un factor determinante na calidade do sistema educativo”, de aí a aposta do seu departamento por un plan formativo anual para o profesorado que sexa flexible e, sobre todo, “orientado por áreas temáticas e especialidades  e que se vai enriquecendo segundo as demandas, necesidades e intereses dos propios docentes”.

A este respecto, lembrou que Galicia é pioneira na elaboración -en coordinación coa Universidade- dun marco de competencias docentes para o mellor desenvolvemento desta función en todas as etapas, desde a formación inicial, ata os procedementos de acceso á profesión e a formación permanente, “un camiño que -dixo- están a seguir outras comunidades autónomas”.