Educación concede os premios extraordinarios de ESO a 20 estudantes que destacan polo seu rendemento académico

A Consellería de Educación convoca cada ano estes galardóns que teñen como obxectivo valorar o esforzo e dedicación do alumnado que cursou educación secundaria obrigatoria en Galicia cun excelente aproveitamento
Máis da metade dos premiados obtivo unha nota media superior a 9,75 puntos no pasado curso
Mér, 07/11/2018 - 13:21

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de facer pública a listaxe do alumnado que resultou galardoado cos Premios Extraordinarios de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) ao rendemento académico no pasado curso 2017/18.

Estes galardóns, instaurados con carácter anual,  teñen como finalidade valorar o esforzo e dedicación do alumnado que cursou ESO no sistema educativo galego cun excelente aproveitamento académico.

En total concedéronse 20 premios extraordinarios, dos cales 6 alumnos pertencen a centros da provincia da Coruña, 3 a Lugo, 6 a Ourense e 5 a Pontevedra.

A listaxe dos galardoados pódese consultar no Diario Oficial de Galicia, na ligazón https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20181107/AnuncioG0534-291018-0001_gl.html.

Alumnado premiado

Nesta edición na provincia da Coruña resultaron galardoados Andrés Xabier Cancela Fernández do CPR Plurilingüe Sagrado Corazón (A Coruña), Inés Carrión Orosa do IES Ramón Menéndez Pidal (A Coruña), Xan Insua Miñones do IES Agra de Raíces (Cee), Verónica Rodríguez Martínez do CPI As Mirandas (Ares), Yago Barriuso Veleiro do IES Plurilingüe Rosalía de Castro (Santiago de Compostela) e Jorge Rial Fondo do IES Maximino Romero de Lema (Zas).

Na provincia de Lugo os premiados son Eva Sanmartín Vázquez do IES Santiago Basanta Silva (Vilalba), Paula García Corral do IES Vilar Ponte (Viveiro) e Pedro Ferreiro Rega do IES Lucus Augusti (Lugo).

En Ourense obtiveron os Premios Extraordinarios de ESO Ana Arca Marán do IES As Lagoas (Ourense), Elba Núñez Suárez do IES Xesús Ferro Couselo (Ourense), Iria González Álvarez-Ron do IES Eduardo Blanco Amor (Ourense), Martín Fernández Carballal do IES O Couto (Ourense), Daniel Fernández Filloy do IES Nº 1 (O Carballiño) e Iria González Losada do CPR Plurilingüe Santa Teresa de Jesús (Ourense)

Os cinco alumnos premiados de Pontevedra son Lucía Navarro Míllara do CPR El Pilar (Vigo), Irene Pereira Reboredo do IES Castro Alobre (Vilagarcía de Arousa), María Rodríguez Domínguez do CPR Plurilingüe Apostol Santiago (Vigo), Carmen de la Merced Lamas González do CPR Plurilingüe Calasancio (Pontevedra), e Eiko Alonso Guerrero do CPR Los Sauces (Mos).

Cualificación superior a 9 puntos

Todos os premiados obtiveron unha media das cualificacións en todas as materias dos catro cursos de ESO igual ou superior a 9, e deles, o 55 por cento obtivo unha nota media de entre 9,75 e 10; o 35 por cento de entre 9,25 e 9,75; e o 10 por cento restante de entre 9 e 9,25.

Así mesmo lograron as mellores cualificacións na proba realizada para optar a ditos premios, que estaba estruturada en dúas partes. Unha primeira relacionada coas materias de lingua galega e literatura, lingua castelá e literatura e primeira lingua estranxeira; e unha segunda sobre xeografía e historia, matemáticas orientadas ás ensinanzas académicas e unha materia a escoller entre bioloxía e xeoloxía, economía, física e química, e latín. 

Cada premio está dotado cunha contía de 750 € e supón a anotación da distinción no seu expediente académico, así como un diploma acreditativo. Ademais outórgalles a posibilidade de concorrer aos premios nacionais de educación secundaria obrigatoria.