Carmen Pomar destaca o novo Grao en Paisaxe como aposta de futuro

A conselleira de Educación pechou na Coruña a 1ª Xornada sobre a paisaxe, desenvolvida na Escola Técnica Superior de Arquitectura
Trátase dunha titulación pioneira en España e a primeira de carácter interuniversitario en Galicia, na que participan as universidades da Coruña e de Santiago
Xov, 18/10/2018 - 15:47

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, destacou hoxe na Coruña o novo Grao Interuniversitario en Paisaxe como “forte aposta de futuro” que vén cubrir unha carencia que o sistema universitario público español tiña en relación ao europeo e ao doutros países desenvolvidos. Trátase ademais da primeira titulación interuniversitaria de Galicia, na que participan as universidades da Coruña e de Santiago.

No peche da 1ª Xornada sobre a paisaxe. Unha visión sobre a nova educación en Paisaxe en España, desenvolvida hoxe na Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSAC), Pomar insistiu no carácter pioneiro do grao en Paisaxe, que xa está dando os seus primeiros pasos na ETSAC e na Escola Politécnica Superior de Lugo. Aprovéitanse así as sinerxías de dous centros con probadas capacidades docentes e investigadoras, un deles especializado en arquitectura e o outro en enxeñaría agroforestal.

O obxectivo é adiantarse ao futuro, con formación nunha profesión cun gran potencial de demanda no mercado laboral. A nova titulación permitirá dispoñer de expertos altamente cualificados para o deseño, restauración, xestión e mantemento de espazos abertos, o planeamento paisaxístico ou os estudos sobre clima, flora e augas, entre outros aspectos que fan deste “un grao cunha proxección de futuro indiscutible e que é xa unha realidade en Europa”, afirmou a conselleira.

Cómpre sinalar que o de Paisaxe é xunto con Biotecnoloxía, Criminoloxía, Xestión Industrial da Moda e Enxeñaría Biomédica, un dos cinco graos que se estrean este curso no Sistema Universitario de Galicia (SUG), froito do acordo pioneiro entre as tres universidades e a Xunta para establecer un mapa de titulacións. A través desta folla de ruta estableceuse unha planificación a medio prazo da oferta académica que permitirá, entre outras melloras introducir ata 2021 un total de 14 novos graos adaptados á especialización dos campus e a perfís profesionais de futuro con alta empregabilidade.

Compromiso coa paisaxe

Ademais, a creación deste grao responde ao compromiso da Xunta coa paisaxe como recurso económico e social que se debe estender tamén á educación. Así, o departamento que dirixe Carmen Pomar puxo xa en marcha diversas accións de formación e sensibilización entre os máis novos a prol do coñecemento, o respecto e o coidado pola paisaxe.

Nesta liña de acción figuran a materia específica Paisaxe e sustentabilidade para primeiro e segundo da ESO, o apoio ao proxecto Terra do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, coa elaboración da unidade didáctica PAGUS. Galicia, un país de paisaxes, ou a colaboración coa Consellería de Medio Ambiente no Plan Proxecta. 

Estratexia de Paisaxe Galega 2017-2020

No acto de apertura da 1ª Xornada sobre a paisaxe participou a directora do Instituto de Estudos do Territorio, Inés Santé, quen destacou que a planificación da Estratexia de Paisaxe Galega 2017-2020 está moi avanzada, co inicio e posta en marcha de nove medidas ou iniciativas para dar resposta aos catro obxectivos fundamentais: a gobernanza da paisaxe, ferramentas específicas de xestión, potenciación dos valores e formación e divulgación. Nese sentido, o apoio ao Grao interuniversitario de paisaxe -fundamental para formar profesionais na materia que poidan trasladar á realidade e á sociedade a necesidade de establecer unha xestión paisaxística- é unha das medidas para cumprir o obxectivo de formación e divulgación da devandita Estratexia.

Recordou que a Xunta iniciou a tramitación do Regulamento da Lei de protección da paisaxe de Galicia e dous estudos piloto que servirán de base para a futura elaboración de plans de acción da paisaxe. Tamén se asinou un protocolo coa FEGAMP para a promoción e divulgación dos primeiros pactos pola paisaxe -nos que xa se traballa- e tamén se creou o Consello Asesor da Paisaxe de Galicia.

En relación coas ferramentas de xestión, destacou o traballo de elaboración de tres guías de boas prácticas de integración paisaxística; mentres que no eido da potenciación dos valores paisaxísticos presentouse a Rede de itinerarios de interese paisaxístico de Galicia