Os Centros de Estudos Galegos de Oxford, París e País Vasco incorporan novas lectoras

Valentín García reuniuse hoxe pola mañá coas profesoras-lectoras que se incorporan aos centros universitarios dependentes da Secretaría Xeral de Política Lingüística
Mér, 12/09/2018 - 13:28

A Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia contará desde o curso académico 2018/2019 con tres novas lectoras de lingua, literatura e cultura galegas. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, reuniuse esta mañá na sede do seu departamento, no compostelán Pazo de San Roque, coas profesoras-lectoras que inician a súa actividade nos centros dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en Oxford (Reino Unido), París (Francia) e Vitoria (País Vasco). Acompañouno a subdirectora xeral de Política Lingüística, Mª Lourdes Batán.

Na actualidade, os 35 centros universitarios cos que conta a Rede de Centros de Estudos Galegos no mundo fan posible o estudo, a investigación e a docencia da lingua e a cultura de Galicia en universidades de América e de Europa, unha realidade xa consolidada que leva contribuído de maneira fundamental á difusión do galego no exterior, á investigación lingüística desde perspectivas moi diversas e tamén ao prestixio da lingua entre os seus propios falantes.

26 destes 35 centros de estudos galegos contan con profesorado-lector encargado da impartición de materias de lingua galega adaptadas ás necesidades do alumnado de cada universidade (gramática histórica, cursos de conversa, cursos de lingua e civilización etc.). Asemade, numerosas actividades relacionadas coa lingua galega e, en xeral, co patrimonio de Galicia complementan os programas formativos.

Así, por medio de convenios de colaboración que subscribe a Administración autonómica galega desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, os centros de estudos galegos en funcionamento localízanse en Alemaña, Brasil, Croacia, España, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Hungría, Italia, Irlanda, Polonia, Portugal, Reino Unido, Rusia e Suíza. A súa creación responde a un dos obxectivos do Plan xeral de normalización da lingua galega fixados no ámbito da proxección exterior que incide en “consolidar o ensino e a investigación do galego nas universidades en que xa existe como materia de estudo, e introducilo noutras universidades de interese estratéxico”.