Volven as propostas do FalaRedes ás axendas de lecer dos concellos da Rede de Dinamización

O programa promovido desde a Consellería de Cultura e Educación visita hoxe e o domingo as comarcas de Ourense e Ferrolterra
Xoán Curiel e a banda Son+d2 ao completo seguen o percorrido co seu novo espectáculo A casa do terror
O programa Redecinema continúa coas proxeccións de filmes galegos e en galego
A entrada a todos os espectáculos é libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos programados
Ven, 07/09/2018 - 21:00

En setembro volven as propostas do FalaRedes ás axendas de lecer dos concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL). Na fin de semana onde as familias preparan xa a volta ás aulas da rapazada, o programa de dinamización lingüística promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística visita hoxe e o domingo as comarcas de Ourense e Ferrolterra.

Xoán Curiel, a bailarina Marta Alonso e a banda Son+d2 ao completo ofrecerán o novo espectáculo A casa do terror na Praza de San Martiño de Ourense (no Auditorio Municipal, en caso de choiva) este venres 7 de setembro, ás 18:00 horas. E o domingo 9 viaxarán ata Ferrolterra, para actuar na Casa da Cultura de Narón ás 18:00 horas da tarde. A proposta, terrorificamente divertida, combina música, danza e teatro, está pensada para familias con nenas e nenos de entre sete e doce anos. A casa do terror, presenta a historia dun grupo de amigos que se ve obrigado a durmir nun edificio encantado.

Coma sempre no FalaRedes, a entrada aos espectáculos é libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos programados. Toda a información sobre as actividades está dispoñible no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal e na Axenda de Cultura de Galicia.

Próximas paradas: Tui, A Estrada, Moaña e Burela

O FalaRedes volverá a última semana do mes, xa para abrir o outono con ritmos musicais. Daquela, Xoán Curiel e a súa banda estarán o xoves 27 de setembro en Tui (no Teatro Municipal, ás 19:00 horas) o venres 28 na Estrada (Alameda municipal, ou no Teatro Principal, en caso de choiva, ás 19:00 horas) e o sábado 29 farán pase dobre, pola mañá en Moaña (Auditorio do Centro Sociocultural Daniel Castelao, ás 11:30 horas) e pola tarde en Burela (Auditorio da Casa da Cultura, ás 19:30 horas).

Redecinema segue o programa de proxeccións

Durante a próxima semana tamén continuarán nos concellos da Rede de Dinamización Lingüística as proxeccións de RedeCinema. Este programa de dinamización lingüística é levado a cabo pola Secretaría Xeral de Política Lingüística en colaboración coa Secretaría Xeral de Cultura e coa Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e chega xa á súa terceira edición.

Redecinema proxectará o venres 14 na vila luguesa de Sober a película Mimosas, de Óliver Laxe (na Praza do Toural, ás 22:00 horas ou, se chove, no Centro Sociocultural. E o sábado 15 a proxección será en Carral, neste caso do filme Pérez, O ratiño dos teus soños (no Campo da Feira, ás 21:00 horas ou, se chove no Centro Social Toñito Espiñeira). Ata finais de mes chegará tamén aos concellos de Abegondo, A Baña, Xove, Triacastela, Boborás, Moraña, O Rosal, Tomiño e Monforte de Lemos.