Xunta e Concello do Grove colaboran na posta en marcha dun comedor escolar do CEIP Rosalía de Castro

O conselleiro de Cultura e Educación e o alcalde da localidade pontevedresa asinaron hoxe un convenio para a instalación de espazos para este fin
O orzamento total da actuación ascende a 66.636,30 euros
Xov, 30/08/2018 - 13:25

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e mais o alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, asinaron hoxe un convenio de colaboración a través do cal ambas as entidades colaborarán na posta en marcha dun comedor escolar no CEIP Rosalía de Castro, na devandita localidade pontevedresa. Deste xeito dáse resposta á demanda da comunidade educativa de contar cun espazo destas características para contribuír á conciliación da vida laboral e familiar.

Ao abeiro do acordo asinado hoxe a Consellería aportará 36.636,30 euros, cos que desenvolverá a licitación, dirección e execución das obras para a instalación dun módulo prefabricado –no que se situará o comedor–nas inmediacións do centro educativo. Pola súa banda, o Concello do Grove achegará outros 30.000 euros, así como as subministracións básicas necesarias (abastecemento de auga, saneamento e electricidade) para a prestación deste servizo educativo complementario.

O módulo que acollerá o comedor dispón de 60 m² nos que se poderá prestar o servizo de comedor a 40 comensais de forma simultánea, quedando a decisión do centro a organización ou non en varias quendas. A asociación de nais e pais será quen se ocupe da xestión do comedor.

Segundo explicou o conselleiro, o obxectivo é que o comedor comece a funcionar a finais de setembro ou principios de outubro deste mesmo ano 2018, co fin de dar resposta canto antes ás peticións da comunidade escolar do CEIP Rosalía de Castro.