Licenzas “creative commons ou CC”

Mar, 11/05/2010 - 12:41

InicioDocumentaciónOASDScormAccesibilidadeBoas prácticasPodcast

 

Na actualidade, Internet está a sufrir unha revolución comparable á do seu nacemento e caracterizada porque agora son os usuarios, sen necesidade de grandes coñecementos técnicos, os que están a crear a web de forma colaboradora, grazas a ferramentas que permiten compartir direccións de páxinas web, sindicar contidos, crear podcasts, almacenar e compartir arquivos de todo tipo, crear blogs ou páxinas web de forma doada e rápida ou mesmo dispoñer dun completo sistema operativo online. E todo iso facendo uso de potentes aplicacións gratuítas de doado uso, que non necesitan realizar ningunha instalación no ordenador, válidas para calquera sistema operativo e accesibles dende calquera lugar. Son aplicacións que melloran a medida que máis usuarios as utilizan e que poden converterse no medio ideal para intercambiar experiencias con compañeiros e compañeiras ou para traballar co noso alumnado en ámbitos colaboradores. 

En moitos casos, resulta difícil para os docentes acceder a recursos que poidan utilizar na súa actividade diaria. Así mesmo pode resultar complexo entender cal é a mellor forma de compartir un determinado traballo con outros e á vez reservar para nós algúns dos nosos dereitos.

Propiedade intelectual e dereitos de autor

O famoso Copyright, representado a través da arquicoñecida “©” quedou asociado á idea de "todos os dereitos están reservados".

Aínda que este modelo protexeu dunha forma máis ou menos eficaz os dereitos dos autores ata agora, o desenvolvemento de Internet e o intercambio de información ao que vai asociado fan que o seu uso limite as posibilidades dos educadores. É por iso que nos últimos anos apareceron intentos por eliminar ou reducir as barreiras legais que limitan o fluxo libre e a reutilización do coñecemento. Conceptos como Copyleft (xogo de palabras que propón a posibilidade de que o receptor dunha copia, ou unha versión derivada dun traballo, poida, á súa vez, usar, modificar e redistribuír tanto o propio traballo como as versións derivadas deste) ou as licenzas Creative Commons, (as cales deixan ao autor establecer que dereitos están ou non reservados) están a ter un impacto significativo en como entendemos os dereitos de autor.

Recoñecemento en Creative Commons

Todas as licenzas Creative Commons requiren que deamos crédito ao autor das obras que estamos a utilizar. Aínda que o autor non especificase unha forma particular de como debemos citalo, isto non significa que non debamos facelo. Simplemente significa que debemos facelo da mellor forma que poidamos considerando a información que posuímos.

Normalmente isto implica cinco cousas:

1.- Se o traballo contén algunha información sobre o copyright incluída polo autor debemos deixala intacta ou reproducila dunha forma razoable considerando o medio no que a estamos a reproducir.

2.- Citar o nome do autor, o nome en pantalla ou o nome de usuario segundo o caso. Se estamos a publicar en Internet, é aconsellable enlazar o nome da persoa á páxina do seu perfil.

3.- Citar o título do traballo (se existe). Se estamos a publicar en Internet é conveniente enlazalo ao traballo orixinal.

4.- Citar a licenza Creative Commons baixo a que está o traballo. Se estamos a publicar en Internet é conveniente enlazalo á páxina da devandita licenza dentro da web de Creative Commons.

5.- Se estamos a facer un traballo derivado ou unha adaptación, ademais do anterior, debemos explicitar que a nosa obra é un traballo derivado. Por exemplo: “Isto é unha tradución de (traballo orixinal) por (autor) ”.

Realmente, en caso de que o autor estableza requirimentos adicionais só pode obrigar a:

1.- Que o traballo se atribúa a certo nome, pseudónimo ou mesmo algunha organización.

2.- Que o asociemos a unha URL particular

 

Se tes material elaborado e desexas elixir as condicións de acceso e uso para os contidos deste, aplica algunha das licenzas de Creative Commons.

Estes son os tipos de licenza que hai     |     E aquí escolles a que máis che agrade

Unha vez feito iso danche un código que pegas en calquera parte do teu traballo, e listo.

Línea

As creacións artísticas e o dereito de autor