Título node Learning object

Abertas as convocatorias para participar en Cinema en curso e Fotografía en curso 2018/19
Lun, 23/07/2018 - 09:38
CGAI

Cinema en curso e Fotografía en curso son dous programas pedagóxicos internacionais coordinados en Galicia desde o CGAI no marco do Plan Proxecta, que abren un ano máis as súas convocatorias ao alumnado de primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional.

Os centros educativos poden solicitar a súa participación ata o 28 de setembro de 2018.

Os programas desenvólvense coma un traballo integrado na dinámica das aulas e introducen novas metodoloxías de ensino e aprendizaxe, situando ao alumnado como protagonista dos procesos, traballando de maneira transversal e globalizada, fomentando traballos cooperativos que integran a todo o alumnado e tomando como punto de partida situacións reais en base á aprendizaxe vivencial. Trabállanse especialmente as competencias lingüísticas e artísticas, a posta en valor da contorna, a observación e a atención, a autonomía e a organización individual e colectiva.

Cinema en curso e Fotografía en curso traballan de forma colectiva no proceso de creación dun proxecto fotográfico e dunha película co acompañamento dun cineasta ou dun fotógrafo.

O profesorado do centro tamén recibe unha formación especifica para traballar co seu alumnado na aula os contidos do programa de xeito transversal e adaptándose ás súas necesidades.

Os destinatarios das convocatorias  son centros públicos e concertados de primaria e secundaria, bacharelato e formación profesional de toda Galicia.

Pódese consultar toda a información nas convocatorias:

Seleccionaranse catro centros educativos en Cinema en curso e seis en Fotografía en curso, seguindo os criterios que figuran nas convocatorias.